Vigo

O BNG denuncia o "colapso" no hospital de día de Oncoloxía do Cunqueiro por "falta de medios"

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Y. C. M.)
"Mentres o PP entrega cada ano centos de millóns de euros públicos ás empresas amigas da sanidade privada, persoas enfermas de cancro son devoltas a casa sen recibiren tratamento", censura o portavoz nacionalista na cidade, Xabier P. Igrexas.

O BNG denuncia este sábado o "colapso" do hospital de día de Oncoloxía do Álvaro Cunqueiro. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha serie de iniciativas no Parlamento galego reclamando á Xunta da Galiza que reforce "de inmediato" o servizo para "pór fin ás demoras na atención e evitar que as persoas doentes sexan enviadas de volta aos seus domicilios sen recibir os tratamentos de quimioterapia".

Esta situación, destacou a deputada e portavoz de Sanidade do BNG na Cámara, Montse Prado, "está saíndo á luz pública pola valentía das persoas doentes que se atreven a denunciar este colapso, a pesares da vulnerabilidade na que se atopan debido á gravidade da súa doenza". Prado criticou a "falta de planificación" da Xunta lembrando que, na última década, "aumentou más de 11% a demanda deste servizo".

Así, algunhas xornadas chegan a ser 50 as persoas atendidas no hospital de día de Oncoloxía, "moi por riba das ratios para o persoal dispoñíbel". En lugar de sete doentes por cada profesional de enfermaría, como está recomendado, nalgúns momentos hai até 18 persoas por enfermeira ou enfermeiro.

Unha "falla de medios" que se traduce, insisten desde o Bloque, en que "cada vez é máis habitual que non se lle administre os tratamentos de quimioterapia a persoas doentes citadas, que son enviadas de volta aos seus domicilio e teñen que volver outro día". "Co que iso supón de trastorno e de incerteza para as doentes, que ven como se pone en risco a súa saúde", lamentou a deputada nacionalista, quen subliñou que estas carencias só se van superando polo "bo facer do persoal que vive con impotencia esta saturación".

Para o BNG, esta situación é un "claro espello da política sanitaria do PP", agravada neste caso por tratarse dun servizo para atender unha patoloxía tan sensíbel como a oncolóxica que, a xuízo da fronte nacionalista, precisa de extremar tanto os coidados como a atención que reciben as persoas doentes.

Por estes motivos, a portavoz de Sanidade do Bloque insta a Goberno galego a dimensionar "cando antes" o hospital de día oncolóxico do Álvaro Cunqueiro de Vigo, tanto nas ratios de persoal-doentes como no espazo dispoñíbel, "para poder dar resposta á demanda existente e evitar que se sigan repetindo estas demoras na atención".

Un dos exemplos máis duros da política do PP

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, inscribiu a "situación inadmisíbel que se vive no hospital de día de oncoloxía" como un dos exemplos "máis duros e inxustos" da política sanitaria do PP. "Mentres o PP entrega cada ano centos de millóns de euros públicos ás empresas amigas da sanidade privada, persoas enfermas de cancro son devoltas a casa sen recibiren tratamento", denunciou.

Igrexas exixiu ao Partido Popular que "deixe de xogar coa saúde e a vida das persoas facendo da sanidade un negocio para uns poucos mentras desmantela a rede sanitaria pública".