O comisionado de programas de Anova di que concorrer na candidatura de IU supón "afastarse do espazo nacionalista"

[Imaxe: Anova]

Considera que os argumentos esgrimidos por Beiras para defender tal opción son "utilitaristas".

 

"Concorrer na candidatura do IU supón o abandono dos principios e modelo organizativo dos que se dotou Anova-Irmandade Nacionalista e o que é máis grave afastarse do espazo nacionalista galego e deixalo en mans dunha interpretación fosilizada do mesmo". Así o sinala Carlos Méixome, comisionado de propostas programáticas da Permanente da Coordenadora de Anova, nunha carta enviada á militancia e á cal tivo acceso Sermos Galiza.

Ao igual que aconteceu nos últimos días, onde militantes de Anova emitiron en conxunto ou de maneira individual as súas preferencias de cara ao referendo que a formación soberanista realizará este domingo, 23 de febreiro, tamén Méixome quixo partillar o seu posicionamento. 

Considera ''utilitaristas'' os argumentos de Beiras

"Reproducir o modelo da Iniciativa catalá e Izquierda Unida estaría ben para que Esquerda Unida, ou o PSdG, cumprisen cos mínimos federalistas que predican mais non son suficientes para unha forza auto-organizada para loitar pola autodeterminación camiño da independencia", sinalou, en referencia á explicación ofrecida por Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, nun documento en que asegurou ter un acordo fechado cun cargo de IU a nível estatal que permitiría a Anova ter candidat@ cabeza de lista ás europeas e que, por tanto, contaría de maneira automática cunha ou un eurodeputad@.

As razóns esgrimidas por Beiras foron cualificadas de "limitadas" na misiva redactada por Carlos Méixome, quen considerou, así mesmo, que o argumento de "ter un eurodeputado" é "utilitarista". Por tanto, o voto do comisionado irá para a proposta nº2 das sometidas a referendo, isto é, "que Anova conforme unha coalición con forzas políticas da esquerda nacionalista das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturistas".