Compromís propón o 'acordo de El Prado' para evitar as eleccións xerais

Felipe VI e Joan Baldoví [Imaxe Casa Real]

O PSOE prepara unha contra-oferta e di aceptar 27 das 30 medidas que inclúe a proposta do grupo valenciá.

Conta atrás para unha nova cita coas urnas no Estado español. O xefe de estado, Felipe de Borbón, iniciou na xornada de onte (25 de abril) a derradeira rolda de conversas con representantes das forzas políticas co obxectivo de testar se existe, ou non, posibilidade de formar goberno. 

Compromís defende a sinatura dun acordo de mínimos para evitar a nova convocatoria electoral

Após os primeiros encontros mesmo as declaracións do monarca apuntan a unha nova convocatoria de eleccións pois Felipe VI animou os partidos a non aburrir e seren coidadosos nos gastos electorais. 

Porén, esta terza feira (26 de abril) o portavoz de Compromís, Joan Baldoví, remitiu na súa visita ao rei un documento de catro páxinas que presentou como o 'acordo de El Pardo' e que encamiñou posteriormente aos grupos de PSOE, Podemos, IU, En Comú Podem e En Marea a quen instou a asinar. 

Após coñecer o documento, a equipa negociadora reuniuse para a avaliar e anunciou que preparan unha contra-proposta, segundo recolle El Confidencial. Neste senso, o grupo socialista dixo apoiar 27 das 30 medidas que se inclúen no documento mais fontes recollidas por ese mesmo xornal sinalan que un eventual acordo debería ser compatíbel co suscrito entre o PSOE e Ciudadanos con anterioridade e que non prevén desfacer.

Baldoví quere que as propostas incorporadas no documento e que presenta como un acordo de mínimos, deriven nun goberno 'á valenciana', xestado arredor do coñecido como 'Pacte del Botànic'. Ora ben, Compromís exclúe dese executivo a Ciudadanos. 

A proposta de Compromís estruturase en cinco bloques:

1. Resgatar persoas con medidas anti-despexos, a creación do Ingreso Vital Mínimo, recursos para a Lei de dependencia e un Plan de emprego xuvenil. 
2. Rexeneración democrática e loita contra a corrupción. Reforma da Lei de transparencia, creación da Oficina contra a Fraude e a Corrupción, derrogar a Lei Mordaza, despolitización do TC e do CXPX. 

O acordo inclúe a reforma do modelo de financiamento e vías democráticas para solicionar o que define como "crises territoriais" en relación á independecia de Catalunya


3. Gobernar para as persoas. Reforma do artigo 135 da Constitución española para priorizar o gasto social e re-estruturar a débeda, derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012, recuperación da sanidade pública, pular por unha nova Lei de Educación e pola igualdade real das persoas LGTBi. 
4. Novo modelo produtivo. Reindustrializar a economía, un novo modelo enerxético, tornar o ICO en banca pública, reforma fiscal, pular polas conexións de transporte con Europa e por unha agricultura de proximidade e calidade. 
5. Estado e Europa. Reforma do modelo de financiamento, avanzar nunha perspectica "democrática" no que define como "crises territoriais", pular por un modelo de integración europeo "social, xusto e solidario", renegociar os Plans de estabilidade e fomentar políticas redistributivas entre os estados membros da UE. 

Esta tarde está prevista a recepción por parte do xefe de estado de Albert Rivera (12h), Pablo Iglesias (13h), Pedro Sánchez (16.30h) e Mariano Rajoy (17.30h).

 

Fe de grallas. Inicialmente e por erro denominouse a proposta de Compromís como 'acordo de El Pardo' cando a nomenclatura correcta é 'acordo de El Prado'.