Compromiso chama a un 25 de Xullo “pola reforma constitucional”

A formación galeguista fará unha ofrenda no Panteón de Galeg@s Ilustres e actos en Belvís no Día da Patria, durante o que realizarán un chamamento a que se recoñeza “a plurinacionalidade do Estado.

Compromiso por Galicia vén de anunciar baixo o lema “Coa forza do Compromiso. Autogoberno e democracia”, os actos que programou para o vindeiro 25 de xullo, “Dia Nacional de Galicia”, que terán lugar en Santiago de Compostela.

Ás 12 horas celebrarán unha ofrenda floral no Panteón de Galeg@s Ilustres, coa intervención do seu Secretario Xeral, Xoán Bascuas. Posteriormente, @s galeguistas desprazaranse ata o Parque de Belvís, onde terá lugar o resto de actividades políticas e lúdicas.

"Somos unha nación europea aberta ao mundo", afirma a organización galeguista

O líder da organización, Xoán Bascuas, quixo animar á afiliación e a cidadanía a participar dos actos con motivo do Día da Patria -terminoloxía que non utilizan- “para reivindicar que somos unha nación europea, aberta ao mundo, coa súa lingua, coa súa cultura, que quere aportar o seu grao de area para a construción dunha sociedade máis plural e xusta”.

Bascuas opina que “cómpre unha reforma constitucional que serva para modernizar as institucións políticas do Estado e que recoñeza o seu carácter plurinacional, e que na mesma sexa recoñecida Galiza ao mesmo nivel que Cataluña e Euskadi”.