Compromiso por Galicia presentará no Parlamento un plan de pediatras no rural

Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de Compromiso por Galicia. Foto: cedida.

Compromiso por Galicia vén denunciando o despoboamento do rural galego como un problema de identidade e recursos. Para intentar mudar esta situación, o partido presentará no Parlamento galego, onde non ten representación, unha iniciativa baseada nun Plan de Implantación Rural de Pediatras.

“Calquera deputado pode adherirse a ela e defendela, senón decaerá”, explica Juan Carlos Piñeiro Docampo, secretario xeral de Compromiso. O plan, estruturado en dous niveis, está encamiñado a cubrir as vacantes nos servizos de pediatría do país e a que a organización destes teña en conta o territorio. “Hai comarcas nas que a xente para ir ao pediatra ten que desprazarse 20 quilómetros”, explica.

 

Para Piñeiro Docampo, esta circunstancia “non fomenta o asentamento poboacional nin a natalidade e pasa en todo o país agás nas áreas metropolitanas. O despoboamento rural é un lastre económico para Galiza posto que quedan zonas produtivas sen atender”.