Cangas

A concelleira de Cangas que deu positivo ao volante pide a súa baixa temporal do PSOE e descúlpase polo seu "terríbel erro"

A primeira tenente de alcaldesa de Cangas, Iria Malvido. (Foto: Concello de Cangas)

Iria Malvido, "á espera" da decisión de Ferraz, que acatará "con disciplina", pon en valor o traballo do Goberno local

A concelleiro socialista Iria Malvido, tenente de alcaldesa no Goberno municipal de Cangas (O Morrazo), sorprendida a pasada fin de semana pola Policía Local cando conducía pola localidade tras as festas do Cristo cunha taxa de alcoholemia que superou o límite penal, fixo público esta cuarta feira un comunicado no que pide desculpas "desde a máis absoluta humildade" polo seu "terríbel erro", e avanzou que pediu a súa baixa temporal como militante do PSdeG-PSOE.

"Son consciente da magnitude do meu erro e renuncio de antemán, dada a miña condición de cargo público, a calquera circunstancia atenuante para xustificar a miña conduta", expresou Iria Malvido, tras recoñecer que superou a taxa de alcoholemia permitida ao volante.

Así, pediu "perdón" á veciñanza de Cangas e a toda a cidadanía e, de maneira especial, ás persoas vítimas de accidentes de tráfico, porque nestas "horas dolorosas", explicou, pensa en quen sufriu perdas persoais ou lesións "por mor do alcohol na estrada".

Tras subliñar que o goce das festas da localidade debe ser "compatíbel co respecto ás normas", insistiu en que a seguridade viaria é un ámbito no que "non caben escusas de ningún tipo". Por iso, sinalou, renuncia a "lembrar o que fixeron outros responsábeis públicos de partidos" que a critican. "O importante é que isto non tería que suceder nunca", proclamou, lamentado a "dor" que puido causar a quen confía no proxecto político do PSOE.

"Como muller, socialista, feminista e demócrata asúmoo e propóñome convertelo nunha lección de vida. Son cargo público, pero tamén son un ser humano e cometo erros. O importante é aprender deles e asumir todo o peso da responsabilidade", expuxo no seu comunicado, antes de confirmar que solicitou a baixa temporal como militante do PSdeG, porque "é o coherente".

"Á espera" da decisión de Ferraz

Con respecto a isto, confirmou que informou do ocorrido á Executiva provincial socialista e que está "á espera" do que decida o Comité Federal de Ética do partido. "Acatarei coa mesma disciplina de sempre a decisión que tome Ferraz", apuntou, e remarcou que a súa "conduta privada" non debe prexudicar o PSOE, polo que "sempre" seguirá traballando.

Finalmente, ademais de agradecer as mostras de apoio e agarimo do partido e da veciñanza, puxo en valor o traballo do Goberno municipal de Cangas (un goberno tripartito de BNG, PSOE e EU, presidido pola nacionalista Araceli Xestido) "nunhas condicións difíciles".

Nese sentido, defendeu que se fixeron cousas importantes e quedan máis por facer, e pediu "que as árbores non impidan ver o bosque" ante quen tente aproveitar o ocorrido para "seguir embarrando, obstaculizando e botando abaixo" a acción de goberno. "Pase o que pase, moitas, moitas grazas a toda a veciñanza de Cangas e ao meu partido", conclúe o seu comunicado.

Iria Malvido segue sendo tenente de alcaldesa en Cangas e está por ver como o ocorrido afecta o Goberno municipal. O BNG confirmou que, ao longo da tarde desta cuarta feira, haberá unha reunión para determinar a súa postura, tras coñecer o posicionamento da concelleira involucrada e o do seu partido.