Os concellos galegos terán que pagar 9,1 millóns pola suba do canon de Sogama

Secundino García, Héctor Manuel Coruxo, Alberto Varela e María Barral, esta terza feira. (Foto: Fegamp)
O PP critica a "deriva partidista" da Federación Galega de Municipios e Provincias.

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) rexeitou esta terza feira a suba do canon de Sogama, indicando que repercutirá en cero euros para a Sociedade Galega de Medio Ambiente, un ingreso de 12,1 millóns para a Xunta e unha carga de 9,1 millóns para os concellos. 

O ente municipalista reuniu esta terza feira a súa xunta de portavoces, na que se debateu sobre a decisión de Sogama de incrementar o canon que pagan os concellos pola xestión dos residuos. Na xuntanza alcanzouse un acordo maioritario ao respecto, coa posición a favor dos representantes do PSdeG e do BNG –sen o PP– e aprobáronse as alegacións e propostas que o ente municipalista trasladará a Sogama e á Xunta para resolver a suba do canon sen agravar a situación económica dos concellos galegos. 

No documento, segundo indicou a Fegamp nun comunicado, destácase todo o vinculado co imposto estatal sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, esgrimido por Sogama como unha das razóns para o incremento do canon, ao estimar que terá que pagar 9,1 millóns de euros

Da mesma maneira, recordou que este imposto é estatal, pero a través de determinadas leis, materializouse a cesión da taxa e, como consecuencia, a Xunta, socio maioritario de Sogama, prevé ingresar en 2025 a cantidade de 12.150.039 euros. "Sogama indica que asumiu este imposto estatal en 2023, non sendo repercutido aos Concellos, pero o que non indica é que é ingresado na súa totalidade pola Xunta", indicou. 

A Fegamp destacou que o Executivo galego alegou contra a implantación deste imposto, e de crearse por norma estatal, debe ser cedido ás comunidades, en concreto, xestionado pola Administración tributaria galega, como así se fixo. 

Ademais, avaliou a suba do canon fixando unha media de 78 euros por tonelada para 2024 (68,05 euros de xaneiro a xuño e 88,05 euros de xullo a decembro). Así, apunta que Sogama sinala no seu escrito que a Xunta achegará 9 millóns a través do Fondo de Cooperación Local adicional, co fin de minimizar o impacto da medida sobre as entidades locais, de forma que o canon final sería de 66 euros por tonelada

Con todo, a Fegamp critica que o que a Sociedade Galega de Medio Ambiente non sinala é que este Fondo de Cooperación Local é a translación da participación dos concellos nos ingresos da Comunidade autónoma e que, segundo a modificación da súa regulación, os recursos obtidos polos concellos con cargo ao orzamento de este fondo terán carácter de financiamento incondicionado

"A pesar disto, para os orzamentos de 2024 a Xunta restou desta participación dos concellos, entre outras cuestións, 12,1 millóns de euros para a creación do Fondo Ambiental, que supostamente é a achega que realiza a Administración galega para aminorar o canon por incineración e vertedura". Por isto, considera que a realidade é que "esta achega é realizada polos propios concellos do seu sistema de financiamento". 

Ante estas cuestións, a Fegamp considera que "non estaría xustificado" o incremento do canon e que, de manterse a suba, a configuración do funcionamento en relación ao imposto tería como resultado unha repercusión de cero euros para Sogama, un ingreso de 12,1 millóns para a Xunta e unha carga de 9,1 millóns para os Concellos.

Como alternativa á suba do canon, desde a Fegamp propoñen utilizar a contía total do Fondo Ambiental detraído do Fondo de Cooperación Local (12,1 millóns), baixo criterios de poboación e de toneladas por concello. A isto engaden a creación dunha comisión de traballo con Sogama e as Consellarías de Medio Ambiente e de Facenda para determinar as condicións do canon para 2025, ademais de traballar sobre o cambio de modelo de xestión de residuos da Galiza.

"Deriva partidista"

O PP desmarcouse deste documento acordado entre PSdeG e BNG, ao tempo que denunciou "a deriva partidista da Fegamp". Para os populares, o presidente do ente, Alberto Varela (PSdeG), está "utilizando a federación en beneficio do PSOE" e en detrimento "do sentir maioritario" dos concellos. Unhas críticas que xorden logo de que Varela se reunisen con José Ramón Gómez Besteiro para tratar a suba do canon.