A conselleira Ethel Vázquez visita a "polémica" obra de Ponte Arnelas

A conselleira en funcións Ethel Vázquez visitou as obras esta cuarta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
A Xunta da Galiza contratou a reparación da ponte sen publicidade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, supervisou esta cuarta feira o izado das estruturas da ponte de Ponte Arnelas, que une Vilanova de Arousa e Ribadumia (na comarca do Salnés) e que en abril do ano pasado cedera por danos estruturais.

En xullo de 2023 a Axencia Galega de Infraestruturas só lle pediu prezo a Civis Global —construtora na que é directivo un curmán de Alfonso Rueda e un ex alcalde da Guarda (O Baixo Miño) co PP— para as obras desta ponte, tal e como publicou en exclusiva Nós Diario a comezos de febreiro. Para non sacar un concurso público, como era obrigado dada a contía, alegou a emerxencia do problema. Pese ás présas alegadas, o contrato asinouse tres meses despois. 

A Axencia aceptou a oferta de Civis, por 4,96 millóns de euros, e pouco despois deu conta ao Consello da Xunta, presidido por Alfonso Rueda, que non puxo obxeccións. Tras ese Consello do 20 de xullo de 2023, a Xunta da Galiza presumiu da présa da tramitación, que puxo en contraste coa suposta lentitude do Estado coa A-6. A Presidencia incluso difundiu infografías de como ía quedar a ponte. Do que non informou foi do nome da adxudicataria das obras, que comezaron antes da rúbrica oficial. 

Con todo, a pesar do apuro por adxudicar a obra, os traballos xa levan atraso. O prazo que lle deu a Xunta a Civis na adxudicación para rematar as obras foi de cinco meses. É dicir, até decembro. “O obxectivo é desmantelar a ponte no verán e comezar despois a reconstrución, para que estea rematada a finais deste ano ou a principios do ano que vén”, dixo no verán a Xunta da Galiza, uns obxectivos que aínda non se cumpriron.