O Consello de Europa constata o "deterioro" sobre a liberdade de prensa: Estrasburgo reclama garantir o pluralismo de medios

O Consello de Europa alerta dun empeoramento no cumprimento da obriga das Administracións na Galiza de preservar "o pluralismo nos medios de comunicación". "Empeoran" ademais á hora de "asegurar que os intereses dos galegofalantes son representados" na prensa.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, foi interpelado esta cuarta feira no Parlamento da Galiza polo BNG. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, foi interpelado esta cuarta feira no Parlamento da Galiza polo BNG. (Foto: Xunta da Galiza)

O Consello de Europa certifica no seu informe publicado esta semana sobre a implementación da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas un "deterioro" no cumprimento do tratado na Galiza no correspondente ao artigo 11, o cal regula a obriga de fomentar estes idiomas nos medios de comunicación por parte das Administracións. O Comité de Expertos da institución sinala que existe un empeoramento con respecto ao cumprimento da obriga de "asegurar que os intereses dos galegofalantes son representados ou tidos en conta dentro dos corpos que garanten a liberdade e o pluralismo nos medios de comunicación".

Ademais, o comité alerta de que non está en posición de poder avaliar se "a liberdade de expresión e a circulación libre de información na prensa escrita en galego é asegurada", o que lle impide chegar a unha conclusión ao respecto. No mesmo sentido, o Consello de Europa explica que non ten información para avaliar se está asegurado o dereito de recepción de emisións en galego realizadas desde fóra da Galiza e a obriga de non oporse a estas emisións. O documento salienta que "o Consorcio Audiovisual do Galego, o cal foi considerado como o corpo principal a cargo de garantir a liberdade e pluralismo dos medios de comunicación, non existe na actualidade e non foi substituído".

Críticas da Mesa

A este respecto, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, salienta en declaración a Nós Diario que "chama a atención que o informe sinale que se está deteriorando a liberdade de expresión na Galiza para as persoas que falan galego". "É un aspecto que nós denunciamos no informe previo que presentamos no Consello de Europa, no que alertamos do tratamento que se lle dá aos medios en galego, algo que está evidenciado no caso concreto de Nós Diario, ao que se lle  negan axudas", afirma Maceira.

A RAG urxe a "tomar nota"

A Real Academia Galega (RAG) urxiu esta cuarta feira ás autoridades da Galiza a "tomar nota" para executar as recomendacións de "actuación inmediata" sinaladas no informe do Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de analizar o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas na Galiza, coa finalidade de "garantir o porvir" do galego. Respecto diso, apunta que este documento avoga pola eliminación das trabas existentes ao galego na educación, xa que se impide empregar a lingua propia do país en materias de ciencias. O Comité de Expertos urxe tamén a que haxa unha liña educativa en galego desde a educación infantil, así como a que se adopten medidas para garantir o uso do idioma nos centros sociosanitarios, na Xustiza e nas Administracións.

"O Día Europeo das Linguas [hoxe] ofrece un motivo de celebración, mais tamén de reflexión e de reivindicación da plenitude de recoñecemento e dereitos para as persoas que falamos linguas europeas en situación de vulnerabilidade. As autoridades galegas deberían tomar boa nota do informe do Consello de Europa", concluíu o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo nunha tribuna publicada na web da academia.

Demandan ao conselleiro dialogar sobre a política lingüística 

A deputada do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas, nunha interpelación ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, urxiu esta cuarta feira iniciar negociacións para alcanzar un consenso sobre o galego ante o "nefasto" resultado da política lingüística aplicada polo PP. A nacionalista lembrou o 20 aniversario do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade na Cámara no ano 2004 e afeou que a Xunta da Galiza "non tivo a ben lembrar publicamente" o que foi "o último gran consenso" polo idioma.

Ademais, acusou o Goberno galego de "non impulsar ningunha medida das 445" que hai no plan. "E o pouco que fixeron foi para incumprilo", engadiu Queixas, para despois cargar contra o decreto do plurilingüismo nas aulas que aprobou o Goberno de Alberto Núñez Feixoo en 2011.

"Gran pacto polo idioma"

López Campos, na súa contestación á interpelación de Queixas, confirmou que "antes da finalización de 2024" contactará cos grupos políticos da oposición -BNG, PSdeG e Democracia Ourensá- para negociar o "gran pacto polo idioma galego" que prometeu en maio, tras tomar posesión do seu cargo. Ademais, o conselleiro exixiu ao BNG "madurez" e que abandone "a crispación" ao redor deste asunto.

Comentarios