Concello da Coruña, Xunta e Estado impulsarán unha comisión para a reordenación urbanística dos peiraos

Martín Fernández Prado, Álvaro Rodríguez, Inés Rei, Alfonso Rueda, José Antonio Santano e Ángel Contreras, esta cuarta feira, na Coruña. (Foto: Andy Pérez)
"É un proxecto de futuro" para a cidade e para Galiza, cun protocolo que abre "unha nova etapa de cooperación interadministrativa para a transformación e reordenación urbanística dos espazos portuarios interiores", celebra Inés Rei.

Concello da Coruña, Xunta, Ministerio de Transportes, Portos do Estado, Adif e a Autoridade Portuaria coruñesa subscribiron onte, nun acto institucional no Palacio Municipal de María Pita, o protocolo para a reordenación urbanística dos peiraos interiores, co compromiso de "cooperación" entre as administracións. Tamén co de mantemento da titularidade pública de espazos portuarios e a creación dunha comisión, presidida pola alcaldesa, Inés Rei, e designada polo consello de administración da Autoridade Portuaria da Coruña, para a proposta de medidas e o seguimento das actuacións.

Así se manifestou ao termo dunha reunión á que tamén asistiron o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda; o secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano; o presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez; o máximo responsábel de Adif, Ángel Contreras, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado. Sobre o asinado, o denominado 'Coruña Marítima', a alcaldesa manifestou que é "un proxecto de futuro" para a cidade e para Galiza cun protocolo que abre "unha nova etapa de cooperación interadministrativa para a transformación e reordenación urbanística dos espazos portuarios interiores", dixo.

Na mesma liña, o presidente Rueda resaltou a aposta no seu momento polo porto de Punta Langosteira e incidiu en que agora haberá que traballar para "concretar" que facer cos espazos que quedan liberados. "O porto ten que funcionar de maneira diferente e seguir construíndo cidade", subliñou, e apelou a dar "pasos firmes" sen caer en formulacións "demagóxicas".

 

En similares termos, pronunciáronse o presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez, quen instou a converter Langosteira "na punta de lanza da transicion enerxética", ou o de Adif, Ángel Contreras, quen remarcou as actuacións en marcha para a conexión ferroviaria do porto exterior.

"É un comezo para que o porto siga sendo un motor económico, ofreza oportunidades para vivir e gozar, lecer tamén en clave residencial", engadiu José Antonio Santano, que tamén se gabou de alcanzar "un acordo entre administracións distintas con cores políticas diferentes".

Comisión de coordinación

Inés Rei avanzou tamén que se creará unha comisión integrada por todas as administracións asinantes e os partidos con representación no Concello —PSOE, PP e BNG— para trasladar as propostas nas que se avanzará a partir de agora. De cara ao futuro, sinalou, será necesario definir "un novo marco xurídico consensuado" traballando "no mantemento da titularidade pública dos espazos para garantir a accesibilidade cidadá; favorecer a integración porto-cidade e resolver o déficit de espazos e dotacións públicas", resumiu.

Desde os grupos municipais popular e socialista celebraron o acordo e a colaboración entre administracións para facelo posíbel, mentres o portavoz do BNG coruñés, Francisco Jorquera, admitiu que a noticia é "positiva" pero "simplemente marca un comezo", pois "está todo aínda por facer". "É unha tarefa que compete a todas as administracións públicas, polo que terán que participar e colaborar, tamén economicamente", dixo, e celebrou o compromiso de manter a titularidade pública.