A crecente fenda entre a renda galega e a europea chega ao Parlamento

Parlamento galego

O BNG preguntará a Feijóo no Parlamento por unha fenda que non deixa de aumentar. O PIB per cápita galego era en 2014 o 80%do europeo, ano no que a Xunta prevía que fose o 95%.

O Plan estratéxico 2010-2014 da Xunta fixaba como obxectivo que o PIB per cápita de Galiza fose en 2014 o 95% do da Unión Europea. Porén, e segundo a oficina estatística da UE, o PIB per cápita galego foi, nese ano, o 80% do europeo, cando en 2009 era o 89%. En vez de converxer, a fenda alargouse e o noso país xa se atopa a 20 puntos da renda europea e a 12 da española.

Estes datos van ser a base dunha das preguntas que o BNG vai facer a Núñez Feijóo na sesión parlamentar de control ao presidente. “Un desvío de 15 puntos co obxectivo marcado polo propio goberno galego”, sinalou Francisco Jorquera, portavoz nacionalista na Cámara galega, cando prometeu, a súa chegada á Xunta que “Galiza sería a primeira en saír da crise” . En termos de converxencia, “retrocedemos ao ano 2003, ata situarnos a 20 puntos da media europea”, engadiu Jorquera.

O portavoz parlamentar anunciou que tamén  será debatida unha moción do BNG con medidas destinadas a transparentar e reducir as listas de espera e sobre a derivación de doentes da Sanidade pública a centros sanitarios privados. Asemade, será debatida unha Proposición non de lei con diversas propostas para evitar a expansión das plantacións de eucaliptos como reclaman diversos colectivos e asociacións que promoven o manifesto “Sop eucalipto-Avante carballo”. O BNG tamén solicitou na Xunta de portavoces a comparecencia do Presidente da Xunta para explicar as medidas a tomar ante a imputación de José Manuel Baltar, petición que non foi aceptada.

Bandeira europea

O BNG tamén reclamou a “retirada da bandeira da Unión europea” tralo acordo con Turquía para a expulsión de refuxiados como mostra de rexeitamento a un acordo que vai contra os dereitos humanos.