A CRTVG recoñece que "posibelmente non estivo á altura" nas críticas ao informe do Consello da Cultura Galega sobre Altri

Alfonso Sánchez Izquierdo compareceu esta sexta feira, 27 de setembro, na Comisión de Seguimento da CRTVG no Parlamento.
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento da Galiza o pasado maio. (Foto: Arxina)
photo_camera O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento da Galiza o pasado maio. (Foto: Arxina)

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, recoñeceu no Parlamento da Galiza que o xefe de informativos da Radio Galega, Alberto Varela, "posibelmente non estivo á altura" a respecto das descualificacións que verteu en directo no informativo das sete da mañá do 6 de setembro sobre o informe elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) sobre os efectos que tería a posíbel instalación de Altri en Palas de Rei (A Ulloa).

"Estas últimas horas coñeciamos un informe emitido polo Consello da Cultura Galega. Si, o Consello da Cultura Galega analizando un asunto medioambiental. Falan do impacto no turismo rural e lanzan hipóteses sobre que habería que plantar máis eucalipto. As cousas no seu contexto, outros informes din todo o contrario", reprochou Alberto Varela, na mesma liña en que se pronunciara o PP o día antes. Sánchez Izquierdo puntualizou a seguir que "en ningún caso a intención foi exceder a análise do contexto".

Interpelado polo BNG

En resposta a dúas preguntas do BNG sobre este asunto na Comisión de Seguimento da CRTVG no Parlamento, Sánchez Izquierdo recoñeceu que o 6 de setembro a TVG non meteu na súa escaleta a presentación deste informe do CCG, "si a Radio Galega e os dixitais".

Argumentou que o CCG "elabora de forma habitual informes sobre temas diversos" e mesmo recoñeceu o esforzo da institución por analizar "cuestións relevantes", pero asegurou que "se cobren especificamente en cada caso polo seu carácter non vinculante".

O director da CRTVG criticou que o BNG "ente desestabilizar" a relación da corporación co Consello da Cultura Galega e dixo que desde o ente público "respectamos todas as institucións e os seus informes, tanto se son favorábeis ou contrarios á CRTVG".

Segundo explicou, "é certo " que o informe do CCG sobre Altri "está feito por reputados académicos, pero vostedes [en referencia ao BNG], só citan os expertos que lles son útiles e ocultan os outros".

Sánchez Izquierdo falou do informe elaborado polo catedrático Juan Lema para o CCG como "a parte favorábel" do conxunto dos oito informes encargados, e gabouse de que "ese a TVG tampouco o destacou, porque facemos informacións case sempre equilibradas, cunha cobertura extensa e diversa, tamén no caso de Altri, e así o seguiremos facendo".

Diante das críticas do BNG ao tratamento informativo por parte da CRTVG á mobilización social dos últimos nove meses contra Altri, Sánchez Izquierdo enumerou a presenza desta cuestión nos seus informativos, aínda que segundo as datas que deu só se referiu aos meses de xuño, agosto e setembro.

Plataforma Ulloa Viva vs. Altri

Explicou o director xeral que "a voceira da Plataforma Ulloa Viva saíu tres veces" neste tempo nos medios públicos galegos, algo que a deputada do BNG Mercedes Queixas contrastou que "esas tres veces en nove meses non chegan nin de lonxe aos 15 minutos da última entrevista que lle fixeron ao directivo de Altri".

Queixas criticou as palabras do director de informativos da Radio Galega a respecto do informe do CCG como "un paso máis no seu delirio manipulador" e explicou que no caso da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei "a CRTVG está ao servizo do PP, e o PP ao servizo de Altri, un tripartito perfecto".

Tamén lembrou a deputada nacionalista que este 27 de setembro se alcanzaban os 332 'Venres Negros' na compañía e que mesmo os seus traballadores teñen anunciada unha folga de catro días e un aviso de paro indefinido en protesta "pola manipulación habitual" que a dirección exerce sobre os traballadores.

Comentarios