Cs mostra na Galiza que a súa aposta é na continuidade, non na mudanza

[Imaxe: Ciudadanos] Albert Rivera, na Coruña

Sánchez refírse a Ciudadanos como unha "forza do cambio", mais na Galiza o partido de Rivera non está pola mudanza, senón pola continuidade de Feijóo.

No Estado Rivera, con reparos, amaga con xogar ao papel de partido bisagra. En marzo apoiou a primeira investidura falida, a de Sánchez. Neste setembro acaba de facer o propio coa segunda investidura frustrada, a de Rajoy. O seu equilibrismo centrista non agacha que en último termo escora cara a direita e cara ao centralismo: esta fin de semana, Rivera voltou a pór negro sobre branco, no seu mitin na Coruña, que en ningún caso fará goberno con quen apoia un referéndum para "rachar España", nunha alusión clara a Podemos e as súas confluencias.

A ambigüidade relativa que manexa no taboleiro estatal non é tal na Galiza. No noso país, Cs comparece desacomplexadamente como un partido da direita españolista e a súa aspiración é apenas a de moderar os excesos de Feijóo. A oferta que lle propón Rivera á sociedade galega é a de que é mellor un goberno do PP sen maioría absoluta para o inquilino de Monte Pío non facer o que lle pete. O que propón Rivera é que antes de se mover Feijóo faga unha chamada a Barcelona, que é a cidade en que Cs ten a súa sede.

A xulgar polos indicios que deita o que levamos de precampaña, o alto mando do PP inclínase por xogar todas as súas bazas á maioría absoluta

Cs é, en todo caso, un expediente peliagudo para o PPdG. Que facer co factor Ciudadanos é a grande incógnita no cuartel de campaña dos estrategas conservadores. Os inquéritos sinalan que o partido de Rivera non ten en absoluto garantida a súa presenza no Hórreo. O PP sabe que todo voto que vaia a Cs e non se traduza en escanos socava as súas opcións á maioría absoluta (mais tampouco ignora que se eles descen por debaixo da fronteira do escano 38 entón precisarían do salvavidas de Rivera). A imprensa amiga non se está a caracterizar até o de agora por meter en precampaña a Cristina Losada, candidata laranxa e perfeita descoñecida para a inmensa maioría da opinión pública galega. A xulgar polos indicios que deita o que levamos de precampaña, o alto mando do PP inclínase por xogar todas as súas bazas á maioría absoluta. Un triunfo en solitario, alén do máis, reforzaría moito a posición de Rajoy e debilitaría a de Sánchez, nomeadamente se o home deste na Galiza, Leiceaga, fose sorpassado pola maré.

O discurso do presidente da Xunta é trasladar a Galiza mecanicamente a lóxica política estatal

Precisamente o cabeza de lista da maré, Luís Villares, esta fin de semana, fixo alusión á repercusión que podería ter na política estatal unha vitoria da oposición na Galiza. Veu dicer que unha derrota de Feijóo equivalería a unha derrota de Rajoy. Á tentación de españolizar a campaña tamén vai sucumbir naturalmente Feijóo. O discurso do presidente da Xunta é trasladar a Galiza mecanicamente a lóxica política estatal. Só o PP pode evitar que o bloqueo español se traslade ao noso país, argumenta o candidato conservador. O problema para Monte Pío é que ninguén na política galega pon en dúbida que se a oposición ten 38 ou máis escanos, haberá goberno alternativo ao do PP. A importación do algoritmo estatal (a endiañada ecuación PSOE+Cs+Podemos+Referendo Catalán) non é críbel na Galiza: aquí sobre a mesa non hai aínda formulado ningún referendo autodeterminista e o pegamento anti-Feijóo é suficientemente poderoso para cimentar un acordo tripartito de esquerda e nacionalismo.