MUNICIPAIS 2015

CxG preséntase en Compostela como ‘’a verdadeira candidatura cidadá’’

Compromiso

Xosé Antón López, cabeza de lista, aposta na “transparencia, a participación activa e a resolución dos problemas reais da cidadanía”.

 

Compromiso por Galicia presentou esta cuarta feira a súa candidatura para Compostela nas municipais do 24 de maio, unha lista encabezada por Xosé Antón López e que aposta “por unha política a pé de rúa”. López cualificou a lista como “libre, sen tutelaxe de ningún tipo e cun variado abano de xente nova , preparada e de diferentes eidos da sociedade compostelá.

O candidato galeguista resumiu o principal obxectivo da formación en “devolverlle á política o seu fin social de transparencia”, así como a aposta na “participación activa” da cidadanía e na “resolución dos problemas reais” das e dos veciños da cidade.

Neste compromiso, Xosé Antón López marcou como algunhas das prioridades, a recuperación da zona vella de Compostela coa premisa de “rehabilitar para vivir”, a planificación estratéxica dunha “Praza de Abastos para mercar” e o apoio decidido ao tecido comercial e o comercio de proximidade para fomentar o dinamismo económico e a creación de emprego no entorno máis próximo .

A candidatura

Na lista, e a continuación de Xosé Antón López, conforman a candidatura Luísa Bernal Ónega (avogada e comerciante do Ensanche), Modesto Toribio (comerciante e involucrado no tecido asociativo), Laura Cereijo, traballadora e delegada sindical de CCOO e Maxi Vázquez (veciño de Aríns, MBA pola EOI e socio e xestor dunha cooperativa agraria e actual secretario local).

CXG incide en que na candidatura toman parte independentes e veciños de distintos barrios e parroquias.  Outros integrantes son María Luz Quiñoy Montero, Javier Iglesias Mato (independente), Isabel Pazos Pose, Denís Fernández Méndez, Emilia Prado Porta, Adrián Blanco Para, Elyza Anna Szymaniak (independente), Sofía Carballido Mugico (independente), Salvador Forján Lourido, Cristina Prada Álvarez (independente), Susana Barreiro Hermo, Adrián Mallo ou Eliseu Mera .