CxG renova esta fin de semana os seus órganos de dirección no I Congreso Nacional

‘Galicia en positivo’ é o lema dunha cita marcada pola proximidade das municipais, “eleccións máis apegadas á cidadanía”.

 

Compromiso por Galicia realizará este domingo en Padrón (Hotel Scala) o seu I Congreso Nacional, unha cita na que se procederá a renovar os órganos de dirección da formación galeguista e debateranse documentos coma o político, que conta xa con perto de 200 emendas. A secretaria de Organización, Sandra Araúxo, destacou o “alto grao de participación da nosa afiliación dentro do proxecto político progresista, galeguista e socialdemócrata que representa Compromiso por Galicia”. O lema do Congreso é 'Galicia en positivo'.

Calendario

O calendario recolle que a afiliación poderá presentar as súa candidatura ao Consello Político Nacional até o 13 novembro ás 00:00h. A fórmula de elección será mediante listas abertas. O período amplíase ao 15 de novembro para poder presentar a candidatura á Secretaría Xeral.

Municipais

Sandra Araúxo lembra que o Congreso terá un “evidente compoñente municipal”, unhas eleccións que “son as máis apegadas á cidadanía e onde poderemos amosar que a nosa forza política vai medrando pouco a pouco” e onde a aposta polas primarias abertas á cidadanía para a escolla de candidatos será un dos piares” Será no propio Congreso Nacional onde se “ditamine formalmente” a fórmula e os mecanismos de concorrencia a estas eleccións municipais.