Un debate para convencer máis de 15% de indecisos

Inicio do debate electoral na CRTVG (Foto: Nós Diario).

Foron tres debates nun. A un lado, o PSdeG e Sumar, defendendo a acción do Goberno do Estado e advertindo dos riscos dun Executivo liderado por Alberto Núñez Feixoo. Noutro, o PP, criticando as políticas do Gabinete dirixido por Pedro Sánchez e reclamando un cambio de rumbo impulsado pola dereita. E enfronte o BNG, apostando porque Galiza conte na política estatal e o nacionalismo teña foza suficiente para ser decisivo na vindeira lexislatura. En definitiva, un debate intenso e vivo para convencer máis de 15% de electorado indeciso

 

O único debate de campaña nos medios públicos galegos entre a representación de PP, BNG, PSOE e Sumar viña marcado pola polémica. Neste sentido, desde as forzas da oposición tiñan criticado nos días previos o seu horario de emisión, as 10 da maña, unha hora de escasa audiencia. Porén, o debate non defraudou e estivo vivo, malia as continúas interrupcións do popular, Miguel Tellado.

O primeiro bloque que enfrontaron os cabezas de lista ao Congreso dos Deputados pola circunscrición da Coruña do PP, BNG, PSdeG e Sumar xirou arredor da situación política, gobernanza e modelo de Estado. Neste punto, o popular Miguel Tellado criticou a data escollida para a celebración das eleccións, que na súa opinión responde a que “Sánchez quere que vote pouca xente, para manterse no Goberno aínda que perda” e denunciou o “sanchismo” por consideralo “unha mestura de mentiras, de falsidades e de maldades”.

O ministro de Sanidade e cabeza de cartel dos socialistas, José Miñóns, apostou en “pór en valor os feitos”. Nesa dirección, destacou que “non deixamos ninguén atrás. Fixémolo na pandemia e tamén durante a guerra, pondo en marcha os ERTE para garantir o emprego, creando axudas para os autónomos e as empresas, habilitando créditos do Instituto de Crédito Oficial (ICO), baixando os impostos e bonificando o transporte”. Nesa altura do debate acusou o candidato popular á Presidencia do Estado, Núñez Feixoo, de “estar cegado pola ambición do poder”.

A candidata de Sumar, Marta Lois, avanzou dous posíbeis escenarios políticos, “un Goberno de coalición progresista ou un Goberno do PP con Vox”. Nesta liña, advertiu dun “gran risco de involución, no caso dun Goberno entre Feixoo e a extrema dereita, que cuestiona a ciencia, negando o cambio climático, as políticas de igualdade de xénero ou retirada a bandeira LGBT dos edificios públicos”. Nesa dirección, fixo unha apelación ao voto das mulleres para frear ese contexto de “involución”.

O cabeza de lista do BNG pola Coruña, Néstor Rego, comezou, afirmando que “a experiencia demostra que o BNG foi e é a única forza política que, de forma sistemática, defendeu Galiza en Madrid, coas mans libre e sen ataduras defendeu os intereses do pobo galego”. Neste sentido, indicou que “cun só deputado, o BNG conseguiu cousas moi importantes” e asegurou que “con máis forza teremos máis capacidade para defender os intereses da Galiza en Madrid, obrigar o Goberno a cumprir co noso país e que nunca máis nos marxinen”.

As infraestruturas

As infraestruturas ocuparon unha parte importante do debate. Neste punto, Rego puxo en valor o papel do BNG para que “as persoas usuarias habituais da AP-9 teñan gratis a viaxe de volta” e apostou para a nova lexislatura por “rescindir a concesión” na liña do demandado pola Comisión Europea e “transferir a estrada á Galiza”. A este respecto, Lois apostou por “nacionalizar a AP-9” e Tellado culpou as formacións do Goberno estatal de negarse a traspasar á Xunta da Galiza as competencias sobre a vía, “tal é como demandou de xeito unánime o Parlamento”. ç

O bloque de política social e económica centrou a parte final do debate. Neste caso, Marta Lois defendeu que “a economía esta crecendo” por riba das previsións, que “aumentou a contratación indefinida” e “descendeu a temporalidade”. Nesta dirección, destacou as medidas postas en marcha polo Executivo estatal “para aumentar o poder adquisitivo”, como “a suba das pensións” e do “salario mínimo interprofesional, do que se beneficiaron moitas mulleres galegas”.

José Miñóns significou a acción gobernamental na área económica. A este respecto, indicou que “dous terzos da poboación española consideran que a economía vai ben” e puxo como exemplo da xestión nesta materia as políticas contra a inflación, “algo moi complicado de facer, que hoxe permiten que España estea á cola da UE”.

Pola súa parte, Miguel Tellado asegurou que “a sociedade española estase empobrecendo” como consecuencia “da suba do cesto da compra” e do “incremento do prezo da vida”. Dixo que o Estado “está á cabeza de Europa na perda de poder adquisitivo”. Culpou o Executivo de Sánchez do “feche da central térmica das Pontes e de Meirama” e da “paralización” da actividade nos estaleiros de Ferrol.

Rego criticou que “Galiza vive unha crise industrial cronificada”, denunciou “o feche de empresas importantes como Vestas en Viveiro, Siemens-Gamesa nas Somozas ou Alu Ibérica na Coruña” e lembrou que a “actividade industrial está por baixo de 2007, téndose perdido nos últimos 15 anos case 3.500 empresas e máis de 47.000 empregos”. Apostou pola “creación dunha tarifa eléctrica galega que permita abaratar a luz aos consumidores galegos e mellore a competitividade das nosas empresas”.

Minuto final

O nacionalista foi quen abriu a última quenda. Reclamou o voto, afirmando “que ninguén defende mellor os intereses de Galiza que o BNG “ e aseverou que “a papeleta máis útil para Galiza é a do BNG: para defender os intereses galegos e tamén para frear a dereita. Por iso o voto ao BNG vale dobre”.

A candidata de Sumar indicou no seu último minuto que “buscamos mellorar a vida da xente algo que conseguimos desde o Goberno español. Se só fose polo PSOE ao mellor non conseguiamos os avances que logramos”.

Miñóns considerou as eleccións de “decisión única”, asegurou que “o Goberno do POSE estivo comprometido coa Galiza á que trouxemos moi bos investimentos” e demandou “seguir gobernando para non deixar ninguén atrás”.

Tellado fechou o debate salientando que “o de Sánchez foi un mal Goberno para Galiza, que desatendeu as súas obrigas” e incidindo en que “o noso candidato é un galego que foi presidente da Xunta e que vai derrogar o ‘Sanchismo’ que liderou un Goberno fracasado e dividido que sacou violadores á rúa”.

As outras derivadas políticas das estatais

Está por ver a incidencia do debate porén ao seu impacto non contribúe o horario escollido para a emisión pola Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), que unha vez máis apostou por unha franxa de baixa a audiencia. Aínda así, o incremento do voto indeciso na Galiza a medida que avanza a campaña, e que todas as sondaxes colocan por encima de 15%, adiantan un escenario máis aberto, na liña das previsións efectuadas antes do comezo da campaña electoral.

Sexa cal for a súa incidencia final, fica moito partido por xogar antes de 23 de xullo. Neste sentido, explícase a táctica seguida polas catro formacións presentes no debate, moi dirixida a consolidar o electorado propio. Nesta dirección, a formulación seguida por cada un dos cabezas de lista ao Congreso pola circunscrición da Coruña cinxiuse ao manual recomendado para este contexto polos politólogos ou expertos en comunicación política.

A última semana de campaña volverá a ser decisiva. Nela, as formacións política non só deben traballan por decantar esa crecente porcentaxe de voto indeciso senón por mobilizar o electorado. A este respecto, os traballos de campo dos últimos días avanzan unha caída da participación na Galiza de perto de cinco puntos en relación a 2019, que aparentemente afectaría máis ao espectro ideolóxico da esquerda.

Os comicios de 23 de xullo teñen unha derivadas políticas máis alá das estatais. Neste caso, están ligadas aos vindeiros compromisos electorais, moi particularmente as galegas, cuxa convocatoria está prevista para o mes de outubro. Nesa liña, dáse por descontado que as estatais van ser unha sorte de primeira volta das galegas