O #debateTVG evidencia os diferentes proxectos de país das candidaturas ao 26X

Imaxe: TVG

@s candidat@s de PP, PSOE, En Marea, Ciudadanos e BNG debullaron as súas propostas en economía, modelo de estado ou política social nun debate cunha pluralidade ideolóxica que non o foi tanto á hora de tratar determinadas cuestións, nomeadamente a 'territorial'.

A once días das eleccións o programa Área Pública da TVG acolleu o debate entre os representantes das 5 principais forzas políticas de Galiza que concorren ás eleccións do 26 de xuño. Non foi en 'prime time', como sinalaron nas súas intervencións algúns dos participantes, mais presentou novidades a respeito do debate que os 4 candidatos á presidencia do goberno de España mantiveron a pasada segunda feira: no debate galego tomaron parte 4 mulleres e un homosexual, como indicou con orgullo Carlos Callón (BNG), e Galiza estivo presente. O debate divideuse en tres bloques: economía e emprego, políticas públicas, modelo de estado e política de alianzas.

"Nós non imos a Madrid a dicir 'Si Bwana' a ningún líder estatal" (Carlos Callón)

Cinco participantes: Paula Prado (PP), Alexandra Fernández (En Marea), Pilar Cancela (PSOE), María Rey (Ciudadanos) e Carlos Callón (BNG). O que non quer dicir cinco proxectos radicalmente distintos e diferentes, algo que ficou patente ao falar os candidatos de modelo económico e, nomeadamente, sobre o modelo de estado.

O PP, garantía fronte ao 'caos'

Paula Prado defendeu o Partido Popular como a única garantía de estabilidade fronte a unha oposición que “só quere destruír o que fixo o PP”. Apelou ao que cualificou de “voto moderado” do PSOE para garantir que non haxa goberno de “radicais de esquerdas” e desdeñou o nacionalismo, do que dixo “está extinguido”. Prado, reiterou que grazas ás medidas adoptadas polo goberno de Mariano Rajoy estábase a “crear emprego, e emprego de calidade”.

"Galiza ten voz en todos os que estamos aquí, non é patrimonio do BNG" (María Rey. Ciudadanos)

En Marea preséntase como “a alternativa”.

“En Marea é a alternativa ao PP, porque temos claro o obxectivo principal”. Alexandra Fernández insistiu nas súas quendas en que o obxectivo principal da coligazón é “derrotar as políticas do PP” e “construñir un país novo”, e tendeu a man o PSOE. Apostou nun proceso constituínte “para que a cidadanía poida decidir” que modelo de Estado quere fronte á “recentralización absoluta” do Estado que impulsou o PP. Nesa liña, manifestou a necesidade de que Galiza “teña voz” para defender os seus intereses.

"A xente non entende que non fose posíbel un acordo" (Pilar Cancela, PSOE)

A derrogación das reformas laborais do PP e PSOE, un salario digno, a reindustrialización do país ou priorizar o investimento e servizos públicos foron outras das cuestións expostas. E afirmou que o 26X a “derrota de Rajoy” será tamén “a derrota de Feijóo”.

O PSOE, disposto ao diálogo

“A xente non entende que non fose posíbel acadar un acordo”, dixo Pilar Cancela (PSOE), referíndose a Podemos e as confluencias. Porén, sinalou, os socialistas “estamos dispostos ao diálogo”, se ben dixo que non ían procurar o apoio para gobernar das “forzas independentistas”. Pediu que o 26X “ninguén fique na casa” e que acudan a votar “e dicir si a un goberno do cambio”. Cancela avogou por unha reforma da Constitución cara a “afondar” nun modelo federal, ademais de facer unha defensa dos servizos públicos e apontar a necesidade dun modelo económico que non se basee na construción e servizos.

"A derrota de Mariano Rajoy será a derrota de Núñez Feijóo" (Alexandra Fernández, En Marea)

Ciudadanos e “a xente”.

“Mellorar a vida da xente”. Así resumiu María Rey (Ciudadanos) o obxectivo da formación laranxa para as eleccións do 26X. Tivo, ao igual que Paula Prado (PP), críticas para o nacionalismo, ao que acusou de querer erexirse en representante único de Galiza. Botou man dos recursos comúns nestes debates políticos (aposta na educación e sanidade, no emprego de calidade...) e chamou a fechar o modelo territorial.

BNG e o valor duplo

Votar BNG ten un valor duplo: “bota fóra as políticas carcas do PP” ao tempo que “dá voz a Galiza os 365 días do ano”. Carlos Callón puxo o Bloque como a forza política que este 26X defende o país e a súa maioría social. “Non damos cheques en branco”, manifestou, e convidou a se rebelar “contra o bipartidismo a catro”. O candidato nacionalista dixo que nun contexto sen maiorías “un só deputado do BNG” pode ser fulcral e determinante.

"A oposición só quere destrruír o que fixo o PP" (Paula Prado, PP)

“Galiza vive a vida pobre dun país rico”, dixo citando Paz Andrade e resaltando as potencialidades e recursos do país, que poderían reverter no beneficio dos galegos. Algo que require crer en Galiza e dotala das ferramentas e instrumentos para conseguilo.