Tellado di que aínda hai tempo de "convencer" a Moncloa

As declaracións do ministro de Fomento prefiguran o non do PP no Congreso á transferencia da AP9

Alberto Núñez Feijóo e Íñigo de la Serna

O Goberno español mantén o seu veto á transferencia da AP9. Talvez desta volta non bloqueará a súa tramitación no Congreso após se ter introducido mudanzas no texto orixinal nun novo acordo das forzas políticas galegas no Pazo do Hórreo. Mais o que é seguro é que, unha vez que se debate no pleno da cámara, non dará o seu apoio ao trasvase a Galiza das competencias sobre a autoestrada. O PP galego di que aínda hai tempo para "convencer" o goberno español de que mude a súa posición. A oposición cargou contra o partido liderado por Feijóo.

A posición do Executivo español en relación á proposición de lei do Parlamento galego de transferencia a Galiza da AP9 -en orixe unha iniciativa do BNG- é inequívoca. Expresouna con absoluta clareza o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, esta sexta feira. A autoestrada sería "de interese xeral" e, portanto, "tería de ficar onde está", isto é, en mans da Administración central do Estado.

De la Serna está disposto a partillar certos aspectos da xestión da AP coa Xunta coa criación dun "grupo de traballo" sobre cuxas funcións non avanzou absolutamente nada. Mais a transferencia da titularidade da vía (moito menos o resgate das peaxes) nen se contempla como hipótese.

Esta postura bate frontalmente co acordo dos grupos parlamentares galegos no Pazo do Hórreo e coloca nunha incómoda posición o PP galego en xeral e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, en particular. A hipótese de ver os parlamentares galegos do PP no Congreso votaren o contrario do que os seus correlixionarios no Parlamento galego é a día de altamente probábel.

Mantén certas esperanzas de que o PP non bote man da súa dupla baralla o secretario xeral da organización galega, Miguel Tellado, quen este sábado enfatizou que aínda hai tempo por diante para "convencer" o goberno do Estado e "as forzas políticas que conforman o arco parlamentar do Congreso" de que "o que reclamamos é bon para España e para Galiza".

Tellado apela á "comisión de xestión conxunta" da AP9 como o foro acaído para a Xunta tentar persuadir o goberno estatal de que a transferencia resultaría nunha mellor xestión da infraestruturas.

O tempo xoga a favor da formación conservadora, sendo que dada a lentitude da tramitación das proposicións de lei vindas dos parlamentos autonómicos estaríamos a no mínimo dous meses de que esta iniciativa se vaia debater no Pleno do Congreso. A demora é un balón de oxíxeno para un PP que se está a ver presionado neste momento pola oposición por diferentes flancos (a queda de 32 por cento dos investimentos estatais nos orzamentos para 2017, a imputación dos directivos de Ferroatlántica por suposto financiamento irregular do PP no momento en que esa empresa do Grupo Villar Mir demanda da Xunta a autorización para a venda das súas centrais na Costa da Morte...).

Míseis da oposición

Descarregou todo o seu arsenal dialéctico a oposición contra Monte Pío. Ana Pontón (BNG) tildou de "tomadura de pelo" as declaracións do ministro, lembrou que Catalunya e Euskadi lograron transferencias similares hai 20 anos e emprazou Feijóo a que diga de que lado está. Manuel Lago (En Marea) cualificou as declaracións de De La Serna de "bofetada extraordinaria ao pobo galego na cara de Feijóo", en tanto que Xaquín Fernández Leicega (PSdeG) puxo en destaque que o PP carece de maioría neste momento na cámara, o que abriría a marxe de negociación con outras forzas para finalmente a proposición de lei se abrir paso.