Defensa da Ría considera a designación de Echevarría como un episodio da “submisión” de Rueda a Ence

Instalacións da factoría de celulosa de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra (Foto: Europa Press).

A pasada segunda feira o Consello da Xunta da Galiza nomeaba como directora xeral de Calidade Ambiental e Sustentabilidade a María José Echevarría Moreno, esposa do director territorial de Ence na Galiza, Antonio Casal. A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra solicita a revogación da designación.

 

 

 

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra considera que o nomeamento de Echevarría “é un novo episodio na carreira de submisión a Ence do señor Rueda, iniciada cando ocupaba a cadeira de vicepresidente” do Goberno galego.

A entidade sinala que sendo Rueda vicepresidente da Xunta da Galiza “diante da negativa da presidenta da Deputación de Pontevedra de negociar con Ence o traspaso do Pazo e granxa de Lourizán á fábrica, Rueda actuou como recadeiro do señor Casal para tratar de resolver o negocio de forma satisfactoria para os intereses empresariais”.

“Desde aquela, a submisión aos intereses de Eence, herdanza directa do seu valedor Núñez Feixoo, non fixo mais que medrar até hoxe”, asegura APDR, quen apunta que “abonda con lembrar o escandaloso comportamento da Xunta da Galiza e do propio Rueda na defensa a toda costa dunha prórroga ilegal e fronte á decisión da Audiencia Nacional que sancionaba esta ilegalidade”.

O colectivo entende que “coa decisión que toma agora de nomear directora xeral á esposa do seu “padriño”, unha decisión que permite falar de nepotismo, sobe un chanzo nesa ignominiosa carreira na defensa dos intereses privados de Ence e tamén de Altri”

APDR avanza que “non se pode esquecer que esta Dirección Xeral vai intervir en moitos procedementos de enorme transcendencia para o futuro desta empresa, entre outros na modificación do Plan Sectorial de Interese Supramunicipal, o que -como xa aconteceu no pasado- permitirá a toma de decisións por unha trama “político-familiar” que vai velar polo seu interese particular”.

Antonio Casal

A asociación ecoloxista lembra que “a señora Echevarría está vinculada conxugalmente con Antonio Casal, hoxe director territorial de Ence na Galiza e durante moitos anos director de Ence-Pontevedra, anos nos que as fábricas de Ence e Elnosa conseguiron unhas máis que dubidosas autorizacións ambientais integradas (AAI)”.

A entidade denuncia que as autorizacións ambientais integradas para Ence lográronse nuns “procedementos administrativos nos que de forma directa e ou indirecta interviron a señora Echevarría e a súa irmá Amaya, cun cargo executivo na cloreira”, en referencia a Elnosa.

A Asociación pola Defensa da Ría lembra que Echevarría ocupou “durante algo máis de nove anos o cargo de subdirectora xeral de Calidade Ambiental e, sen solución de continuidade, o de subdirectora xeral de coordinación Ambiental, asumindo funcións e responsabilidades que gardan unha estreita relación cos comportamentos ambientais das instalacións empresariais”.