O delegado do Goberno exixe á Xunta que execute "até o último euro" do Plan de Resiliencia e "renda contas" de como o gasta

Pedro Branco. (Foto: Delegación do Goberno)
Afirma que a Galiza recibiu até o pasado mes de xullo "un total de 3.391 millóns de euros" do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, recordou á Xunta da Galiza a responsabilidade de executar "até o último euro" dos fondos asignados a Galiza do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e convidou o Goberno galego a "tamén dar conta da súa execución".

"A cogobernanza é iso, ser responsábeis e transparentes, arrimar o ombro, para seguir avanzando e protexendo os galegos e galegas", proclama o delegado nun comunicado para facer balance, unha análise semestral de 'Cumprindo', unha iniciativa que busca a "transparencia" na xestión dos recursos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Así, explica que até o pasado mes de xullo "a Galiza recibiu un total de 3.391 millóns de euros" do plan. Desa cantidade, 1.846 millóns de euros foron executados directamente polo Goberno estatal e 1.545,2 millóns de euros pola Xunta para levar a cabo políticas no marco das súas competencias en materia de vivenda, mobilidade sostible e educación.

"O Plan de Recuperación chegou ao seu ecuador e é o momento de darlle pulo á súa execución, coa colaboración de todas as administracións, para que a Galiza aproveite todas as oportunidades", engadiu Branco.

Na súa valoración dos obxectivos que cre que se cumpriron durante o semestre, o delegado destacou que o investimento económico permite reforzar o tecido empresarial galego porque "oito de cada dez beneficiarios das convocatorias do plan" son empresas e autónomos da Galiza.

Nesta mesma liña, destacou as actuacións que se levaron a cabo co obxectivo de "reforzar o Estado do Benestar", entre as que destacan a creación de máis de 5.600 prazas de Formación Profesional e a transferencia de 49,7 millóns de euros para mellorar a atención ás persoas dependentes.

Do orzamento do plan investíronse 12 millóns de euros en igualdade para levar a cabo accións contra a violencia de xénero e 9 millóns de euros no 'Plan Corresponsábeis', programa destinado a mellorar a conciliación familiar.

Por último, Branco fixo un repaso das iniciativas dirixidas a reforzar a cohesión territorial e afrontar o reto demográfico, entre as que se atopa o investimento de 650 millóns de euros para a construción da nova liña de alta velocidade Ourense-Monforte-Lugo.

O representante do Goberno estatal  tamén adiantou cales serán os retos do próximo semestre, todos eles enmarcados en "políticas para as persoas" e "aproveitando os bos datos económicos acadados".

En concreto, en materia de vivenda, Branco destacou as iniciativas para facilitar o acceso á mesma, tanto en propiedade como en aluguer. Así, destacou que se apostaron 58,5 millóns de euros para a construción de máis de 1.200 vivendas para aluguer social na Galiza.