Denuncian a "política clientelar" dos Baltar na comisión parlamentar sobre a Deputación de Ourense

José Manuel Baltar Blanco
A comparecencia parlamentar de Baltar Blanco convértese nun debate sobre a política provincial do PP de Ourense.

 

Que a presenza de Baltar Blanco no Parlamento galego ía pór o centro de atención sob o escándalo das contratacións desenvolvidas polo seu paí --e predecesor á fronte da Deputación de Ourense-- era sabido. Neste senso, o líder d@s populares de Ourense apuraba na súa pimeira intervención a aclarar que a súa participación na Comisión era "voluntaria" e atendía a "un deber xeral de colaboración entre institucións". Porén, a súa explicación inicial daba boa conta de que José Manuel Baltar non respondería á oposición a respecto dos conflitos xudiciais de seu pai.

No entanto, a pouca pre-disposición de Baltar Blanco non impediu que o presidente provincial tivese que escoitar as interpelacións dos demais grupos políticos. BNG, AGE e PSdeG bateron contra a política "clienteral e caciquil" desenvolvida polo Partido Popular de Ourense no que mesmo denominaron "o cuarto de século da dinastía Baltar", ironizou a deputada do BNG, Tereixa Paz.

Tereixa Paz (BNG): "Hai que exterminar esta política clientelar, inmoral e miserenta"

"Señor Baltar II, vostede é herdeiro da política de persoal que desde hai anos vimos denunciando", afirmou Paz asegurando que ta cousa se evidenciaba "na súa negativa a investigar" os contratos que arestora investiga o xulgado de instrución de Ourense, supostamente aprobados por Baltar Pumar para beneficiar a entrada do seu fillo á presidencia provincial do PP. Aliás, desde a bancada do BNG, a deputada ourensá asegurou que "terríbel situación da provincia de Ourense" foi empregada pol@s populares para "seguir mantendo o clientelismo político", unha realidade compartida pola voceira socialista na súa intervención.

María Quintas (PSdeG): "O actual Baltar é herdeiro da política clientelar do seu pai"

Pouco se debateu arredor das contas presentadas polo presidente provincial, cuxa partida destinada a gastos de persoal se sitúa no 43% "malia a redución orzamentaria", aseverou María Quintas polo PSdeG erguendo unha forte crítica ás prácticas empregadas desde o PP ourensán na súa política de contratación. "Estaremos atentos ao Congreso provincial, supoñendo que xa o irá amañando agora", ironizou Quintas.

Favores, clientelismo e contratos a familiares e compañeir@s de partido foron os asuntos máis recorrentes nas interpelacións a Baltar Blanco. No entanto, BNG e AGE demandaron --como xa fixeran perante os presidentes provinciais de Lugo e A Coruña-- a supresión das Deputacións "por seren institucións inútiles", aseveraron.

Baltar Blanco (PP): "Hai que apostar pola elección directa dos deputados provinciais, algo que chegará máis cedo que tarde"

"O mellor que pode facer vostede, señor Baltar, é volver a Ourense, convocar un pleno e disolver a Deputación", acrecentou Tareixa Paz quen foi apoiada polo voceiro de AGE, David Fernández. No entanto, o presidente provincial devolveu a pedra batendo contra o bipartito que desde hai cinco anos goberna a provincia de Lugo "debe ser ese o seu modelo de xestión provincial", ironizou.

Reformar as institucións provinciais
De entre todas as intervencións, só o voceiro do grupo popular, Miguel Ángel Santalices, apoiou ao presidente da Deputación de Ourense a quen aprobeitou para loubar polo seu currículo político. "Se tés unha boa lebre non a deixes escapar", asegurou Santalices quen axudou a capear as duras críticas cara á Baltar, lembrando os posicionamentos reformistas deste en materia de política provincial.

Neste senso, o líder d@s populares de Ourenses mantivo unha postura pouco apoiada entre as filas da súa propia formación e mesmo chegou a afirmar con rotundidade que as Deputacións deben encamiñarse "máis cedo que tarde" cara á "elección directa dos seus deputados". Medida, que apoiou nunha longa listaxe de exemplos do Estado español --como os cabildos canarios-- ou europeos.

"As Deputacións están chamadas cumprir un papel fundamental nas provincias do interior", aseverou Baltar Blanco malia as duras críticas que estas institucións reciben, nomeadamente a que el preside debido aos escándalos de prevaricación protagonizados polo seu pai. "Se se quere comprobar", afirmou Tereixa Paz en relación ás supostas contratacións "non hai máis que contrastar o nome dos interventores nas mesas electorais cos contratados".