A deputada do PP ferida no sinistro de Angrois marcha do partido farta da xestión do goberno

Teresa Gómez critica a actuación do executivo en temas como a inmigración ou o aborto. Deixará o escano a final da lexislatura. Esta parlamentar defendeu, contra o criterio do PP, a creación dunha comisión de investigación sobre o sinistro ferroviario.

Teresa Gómez Limón di estar cansa e defraudada da xestión do Partido Popular, o partido polo que ten un escano no Congreso español. Por iso anuncia que marchará a final desta lexislatura. Os motivos do desacordo co executivo de Rajoy non son poucos, segundo ela propia relata a Europa Press: contrarreforma do aborto, actuación en Ceuta contra @s inmigrantes, o “dedazo divino” na designación de candidatos do PP,...e o veto a que se estabeleza unha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois.

Este último punto é de destacar pois Teresa Gómez viaxaba no Alvia sinistrado, resultando ferida no accidente. Esixiu o cese dos presidentes de Renfe e Adif e criticou os intentos de procurar no maquinista un 'cabeza de turco' que pagase polo sinistro. Mesmo criticou publicamente a voceiros do PP por non defenderen unha investigación ampla dos feitos.

Teresa Gómez provén do Centro Democrático e Social (CDS) de Adolfo Suárez, partido que se integrou en 2006 nas fileira do PP.