Na Galiza, o PSOE sería a lista máis votada

A dereita españolista non suma, segundo a enquisa dos medios públicos

Colexio electoral na Coruña

Segundo a enquisa de GAD3, a suma PSOE-Unidos Podemos podería atinxir 166 escanos, 6 máis que a coalición PP-Cs-Vox, que obtería 160. A maioría absoluta está en 175. Na Galiza o PSOE sería a forza máis votada, Vox lograría 1 deputado e BNG e En Marea non lograrían representación.

O PSOE gañaría as eleccións deste 28 de abril, segundo a enquisa elaborada por GAD3 para a CRTVG e o resto de medios públicos do Estado español. Obtería entre 116 e 121 escanos, lonxe dos 175 que son necesarios para gobernar con maioría absoluta. A suma con Podemos (42-45 cadeiras) levaría a ter 166 escanos, polo que se precisaría do nacionalismo para gobernar: ERC lograría 13/14 deputados, PNV 6, Junts per Catalunya 5  e Bildu 2. Entraría cun escano Front Republicá -coalición entre Poble Lliure, Pirates e Som Alternativa-. Compromís tería 1 escano. 

 

Sempre segundo esta sondaxe (feita a través de 12.000 chamadas telefónicas -600 delas na Galiza-, a metade delas na última semana) a dereita non sumaría. Entre PP (69-73), Ciudadanos (48-49) e Vox (36-38) non lograrían atinxir a maioría, nin sequera co apoio de Navarra Suma (2), a coalición entre UPN e Cs. 

 

Na Galiza a vitoria, sempre segundo este traballo, sería para o PSOE, que obtería entre 9 e 10 representantes. O PP acadaría 8, En Común-Unidas Podemos, entre 2 e 3, Ciudadanos 2 e Vox lograría 1 representante. BNG e En Marea ficarían sen entrar, segundo esta enquisa.

 

Por circunscricións, na da Coruña, o PSOE lograría 3 lugares no Congreso español (30% dos votos), PP obtería 2 (25%), En Común-Unidas Podemos, 1 (15%). Tamén 1 atinxiría Ciudadanos (13%) e Vox, con (9%).

 

En Pontevedra tamén as socialistas serían as máis votadas, con 29% dos votos e 2/3 cadeiras. PP lograría 27% e 2 representantes; En Común-Unidas Podemos 1 (18%), o mesmo que Ciudadanos (12%). 

 

En Lugo gaña o PP con 33% dos sufraxios (2 escanos), os mesmos que o PSOE, que recibiu 28%. Por último, en Ourense tamén a vitoria foi para o Partido Popular, con 32% e 2 representantes; os mesmos escanos que PSOE (27%).

 

Catalunya e Euskadi

 

ERC gañaría estas eleccións xerais en Catalunya, obtendo segundo esta enquisa entre 13 e 14 escanos: A seguir figura o PSC, con 12/13. Como terceira forza sitúase Común-Podem, con 8 representantes. Ciudadanos tería 5, os mesmos que Junts per Catalunya. O PP atinxiría 1 cadeira no Congreso por Catalunya, Vox tamén 1 representante e entraría Front Republicá, a coalición entre Poble Lliure -unha das forzas que integran a CUP- Som Alternativa e Pirates.

 

En Euskadi sería o PNV a forza máis votada, aumentando en 1 representante a súa presenza actual no Congreso: pasa de 5 a 6. O PSOE obtería 5/6 representantes e Unidos Podemos, 4. EH Bildu atinxiría 2. A dereita española fica case extinta en Euskadi en canto a representación no Congreso. Nin Ciudadanos nin Vox lograrían escano e Podemos está entre 0 e 1.