Que está detrás da crise de Lugonovo?

Asemblea de Lugonovo.

Primeiro a dimisión de Santiago Fernández Rocha, candidato a alcaldía e portavoz municipal de Lugonovo, tras ser cuestionado internamente pola falla de firmeza na oposición ao PSOE e posteriormente desautorizado pola práctica totalidade dos inscritos ao tentar un acordo de goberno con Lara Méndez. Despois o abandono da plataforma e dos seus órganos de dirección por parte de Podemos, acusándoa dun “espazo fechado e con formas antigas”, E xa por último, as criticas públicas da militancia luguesa de Anova e do Espazo Ecosocialista, outras dúas das polas da confluencia, que nun comunicado de prensa denunciaban a ausencia de “transparencia, pluralidade e participación cidadá”. Así as cousas, as cuestións internas sitúanse no primeiro plano da axenda política de Lugonovo, dividido entre un sector maioritario, formado por persoas procedentes de Compromiso por Galiza e da antiga Esquerda Nacionalista, e o resto das sensibilidades políticas participantes no proxecto.

Podemos abandona a dirección de Lugonovo por “ importantes diferenzas de índole político e orgánico”.

O 7 de novembro Podemos anuncia a súa marcha de Lugonovo. Os seus catro representantes na coordinadora da confluencia, Adrián Fuenteseca Fernández, membro da dirección de En Marea, Xosé Manuel Pérez Afonso, Alba Díaz Valiño e Carmen Fernández Alarcón, abandonan as súas responsabilidades denunciando que “non é o espazo onde debemos estar, porque non se están cumprindo cuestións estatutarias de Lugonovo e estase a converter nun espazo fechado e con formas antigas”. Ao tempo explican a súa decisión polas “ importantes diferenzas de índole político e orgánico co rumbo emprendido por Lugonono nos últimos meses”, afirmando desde o circulo local de Podemos que “os nosos compañeiros que acudían a coordinadora de Lugonovo, e que dimiten de esta, ao ser certas formas orgánicas e políticas contrarias ao código ético do noso partido”. Se ben o responsábel de organización de Lugonovo Víctor Álvarez non dúbida en limitar as diverxencias a “cuestións persoais” desbotando calquera modificación na liña política, os inscritos do partido morado mostran “o firme convencemento de que un espazo plural e aberto, debe afastarse da vía de replegarse sobre si mesmo con dinámicas que son daniñas para un espazo mestizo como debe ser unha candidatura municipalista”.

Anova denuncia “falla de transparencia, participación, pluralidade” en Lugonovo,

A pasada semana tocáballe a quenda a Anova e o Espazo Ecosocialista. Militantes dunha e outra organización, nun comunicado enviado aos medios de comunicación, expresaban a “preocupación polos últimos acontecementos acaídos en Lugonovo”, denunciaban a incapacidade da dirección da confluencia ao non ser “capaz de realizar a necesaria autocrítica de cara a examinar os erros cometidos” e denunciaban que a plataforma “adoece da transparencia, a pluralidade e a participación cidadá que figuran nos seus principios fundacionais”. Os asinantes sinalan que no caso de non rectificar esta liña “Lugonovo non poderá considerarse un proxecto de unidade popular” e aseguran que nos últimos meses “asisten a como fronte a proclamas de pluralidade e participación cidadá, o máximo órgano da plataforma non amosa nin ten capacidade para cumprir os seus propios acordos de cara a perfeccionar as canles de comunicación”. Non escapa ás críticas deste grupo de adheridos á Lugonovo as palabras de Victor Álvarez en relación coa marcha de Podemos, rematando que “Lugonovo non é unha organización aberta se non se arbitran os mecanismos axeitados”.

 

O alcance do conflito é evidente. Malia os intentos do núcleo dirixente de Lugonovo de minimizar as consecuencias da marcha de Podemos e das críticas dos outros sectores da plataforma que non fan parte da maioría procedente de Compromiso por Galiza, o certo é que estas posicións poñen en risco as posibilidades de reeditar a plataforma de cara as vindeiras eleccións municipais. Aínda que desde o sector maioritario explican esta crise polo intento de “Podemos e Anova de tentar de gañar coa crítica pública unha representación en futuras listas que non lles corresponde nin polo peso interno nin polo  traballo desenvolvo”, segunda outras fontes estaría a abrirse o camiño para unha nova candidatura “ á marxe do que fique en Lugonovo” e da que tamén farían parte sectores de Esquerda Unida, con presenza na corporación e que non fixeron parte de Lugonovo no pasado proceso municipal. A situación non é tampouco allea ao escenario aberto por En Marea a nivel nacional, a parte que se desmarcou en Lugo correspóndense con aquela que mantén unha posición crítica con Luís Villares, e a súa resolución, nun ou noutro sentido, estará tamén mediatizada polo que aconteza no ámbito galego.