Que di o artigo 197 bis que regula a moción de confianza?

Pleno do Concello de Pontevedra

A Alcaldía dun concello pode formular unha moción de confianza vinculada á aprobación ou modificación dos orzamentos ou ás ordenanzas fiscais, entre outros asuntos relativos ao funcionamento interno da institución.

O ponto tres do artigo 197.1 da Lei de Réxime Eleitoral Xeral prescribe que a cuestión de confianza só se pode formular se primeiro se debate e é rexeitado en Pleno o asunto ao que aquela está vinculada. 

Isto é o que explica que Lores anunciase esta segunda feira que resgatará o proxecto de orzamentos tal e como foi aprobado polo goberno, e antes de ser modificado pola oposición, para o seu debate no Pleno a próxima sexta feira.

Como previsibelmente será rexeitado, será entón o momento en que a moción de confianza se despregue sobre o cenario. Será nun Pleno posterior ao do 23D, cuxa data está aínda por fixar. 

E que ocorre se a moción de confianza non prospera, isto é, que acontece se é votada en contra pola maioría do Pleno? Pois que se abre un prazo dun mes para a oposición apresentar unha moción de censura con candidata ou candidato alternativo. No caso de a censura non se formular, entenderase "outorgada a confianza e aprobado o proxecto".

A lei taxa o uso desta prerrogativa por parte do alcalde. Só se poderán apresentar dúas mocións de confianza durante un mandato e nunca no seu último ano.