"O Día da Patria mostrará que o BNG é a alternativa para un cambio real"

Ana Pontón

A candidata do BNG á presidencia da Xunta afronta o seu primeiro Día da Patria Galega como líder da formación frentista. Nesta entrevista, que aparece no Sermos205, avanza a mensaxe que quer transmitir o 25X, mais ao tempo fala das perspectivas coas que o Bloque encara as xa inminentes eleccións galegas e expresa a súa opinión sobre o que debe facer o nacionalismo para virar o seu potencial mobilizador en votos nas urnas.

-Que mensaxe quer transmitir o BNG o 25X?

-Pois a mensaxe do 25 é claramente unha mensaxe de optimismo cara Galiza e cara ao futuro do nacionalismo, unha mensaxe de que o BNG continúa a ser unha organización que ten moito que achegar ao país e que temos moi claro que a alternativa real fronte ao desastre que nos está deixando este modelo, pois é unha alternativa nacionalista.

-Facedes unha manifestación aberta a todas as galegas e aos galegos que conciban Galiza como país e tamén a colectivos. Que asistencia de outras entidades agardades?

-O BNG sempre tivo no Día da Patria un día en que estaban unidos a festa e a reivindicación. A reivindicación de colectivos que están defendendo a lingua do noso país, a nosa cultura, a sectores agredidos pola propia crise, vai haber moitos comités de empresa, plataformas sociais que van ter representación nesa mobilización porque realmente é unha mostra da Galiza que se mobiliza e se move en defensa non só do propio país e do seu dereito a ter un futuro mellor, senón a Galiza que está plantando cara dun xeito real en todos os ámbitos ás políticas lesivas quer do Partido Popular quer da Unión Europea.

-Hai unha certa fenda no que neste momento pode ser no plano social o Bloque -ao que todo o mundo lle recoñece unha grande capacidade de mobilización social- e o que é a traslación diso no plano eleitoral. Que reflexión che merece iso e como ir retallando esa fenda?

-Creo que é evidente que hai unha crise económica, unha crise do sistema, que provocou cambios no propio sistema de partidos, un fenómeno que afectou o BNG porque estaba nunha situación de debilidade, eu creo que do ponto de vista eleitoral e tamén de debilidade dun ponto de vista ideolóxico a respeito da alternativa que representa para o proprio país. Polotanto, creo que nós debemos pasar de estar á defensiva a facer unha ofensiva ideolóxica sobre os valores de progreso que representa o nacionalismo e unha ofensiva a respeito do que significa o propio BNG como alternativa real, como unha organización que ten un proxecto diferente para Galiza.

A íntegra da entrevista, unha conversa a dupla páxina, tela ao teu dispor no Sermos205, nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.