Diego Gago (PP) sobre a represión fascista: "Cada caso é singular, pode ser que haxa casos inxustos"

Diego Gago

O edil popular de Vigo e responsábel de Novas Xeracións asegurou nun debate en VíaV que "podemos facer o que queiramos mais naquela Guerra hai uns que gañan e uns que perden". VÍDEO NO INTERIOR. 

Galiza Nova (BNG) e Xuventudes Socialistas (PSdeG) veñen de pedir a demisión de Diego Gago como concelleiro do PP de Vigo após as súas declaracións nun debate organizado en VíaV entre representantes das organizacións xuvenís das formacións políticas. 

Preguntado pola Lei de Memoria Histórica --baleirada de orzamento polo Partido Popular á súa chegada ao goberno español-- o responsábel de Novas Xeracións asegurou que "afortunadamente no ano 78 pechouse practicamente unha etapa moi dura para a historia do noso país que foi unha ditadura e unha Guerra Civil e polo tanto eu non estou a favor de que estexamos agora 40 anos despois, cando nós xa vivimos en democracia, afortunadamente, constantemente, os mozos e mozas". 

No ano 78 pechouse practicamente unha etapa moi dura para a historia do noso país

Hai que financiar as exhumacións?, inquiriu Fernanda Tabarés, ao que Diego Gago respostou: "cada caso é singular, pode que haxa casos inxustos, cada caso haberá que analizalo. Non creo que de forma xeralizada haxa que andar constantemente nen financiando nen indo ao pasado, exhumando. Haberá que analizar cada caso como sexa. Non todos os casos son iguais". 

Para o líder das mocidades do Partido Popular e concelleiro do PP en Vigo, a respeito da guerra de '36 --estourada após o golpe de estado fascista dirixido polo xeneral Francisco Franco-- "convén dicir unha cousa", "á Guerra Civil chégase através dunhas consecuencias", "nunca falamos de como se chega a unha Guerra Civil".

Non creo que de forma xeralizada haxa que andar constantemente nen financiando nen indo ao pasado, exhumando

Nela, afirma, "hai dous bandos e evidentemente hai un bando que gaña e un bando que perde, iso é unha realidade, podemos facer o que queiramos mais naquela guerra hai uns que gañan e uns que perden". "Outra cousa é que quen gañou propiciase en España un período nefasto para a democracia". 

O vídeo circula xa polas redes sociais e foi solicitada publicamente por Galiza Nova e as Xuventudes Socialistas a súa demisión como concelleiro por "apoloxía dos fascismo", din desde a organización xuvenil do Bloque. Pola súa banda, as mocidades do PSdeG, lembran que as Nacións Unidas ten reclamado ao Estado español a reparación e restauración das persoas represaliadas durante a guerra e a post-guerra. 

Cómpre subliñar que o Estado español é, após Camboia, o territorio do mundo onde fican máis persoas desaparecidas soterradas en camiños e foxas comúns. 

Esta non é a primeira ocasión en que Diego Gago pronuncia unhas polémicas declaracións. No ano 2014 defendeu nunha entrevista concedida á axencia de noticias EFE que coa emigración a mocidade adquire "adquírese experiencia".