A dirección de Anova non enviou á militancia o escrito de renuncia dos críticos

anova

A dirección de Anova, que hoxe realiza as primarias para elixir a persoa que ocupará o número 5 da lista de IU a Europa, optou por non enviar á militancia a carta de renuncia de tres membros do sector crítico.

Anova abre as súas urnas desde as 12 até as 18 horas para a elección das dúas persoas que integrarán a lista de Izquierda Unida cunha listaxe de nomes menor da presentada hai uns días. A sexta feira, tres dos candidatos, pertencentes ao sector crítico, decidiron abandonar a carreira para partillar na listaxe por considerar que disputar o posto ás europeas sería “mais un motivo de diverxencia que factor de cohesión para a maioría nacionalista que é precisa para rescatar a organización para o nacionalismo”

Luís Eyré, David Balado e Xosé Miguel B. Rodríguez remitían unha carta á dirección para ser enviada á militancia na que mostraban a súa vontade de que  Anova se convertera  “na ferramenta da cidadanía que non chegou a ser, é o obxectivo ao que debemos supeditar e supeditamos as nosas decisións individuais” fronte a persoas que, desde dentro estaban a “asasinar a irmandade, reducir o nacionalismo a unha cuestión identitaria e rematase por encomendar a anovación política ao que decidan Izquierda Unida e o Secretariado do PCE”.

O duro documento asinado polos tres candidatos dimisionarios, segundo nos informa un deles, nunca chegou á militancia da organización, que se limitou a informar da retirada dos tres nomes da lista na súa páxina web. “O 28 de marzo renunciaron á súa candidatura Luís Eyré, David Balado e Xosé Miguel B. Rodríguez, polo que a listaxe inicial de 10 persoas quedou nas 7 apuntadas arriba”, é a breve nota que a nova dirección de Anova insire no seu portal, eludindo o argumentario presentado por Eyré, Balado e Rodríguez para a renuncia a súa candidatura. 

Un dos candidatos dimisionarios queixase de que as razóns polas que decidiron renuncian a se presentar non chegaran directamente á militancia senón só de maneira fragmentaria a través dos medios de comunicación cando na páxina de Anova se están a volcar todos os documentos de apoio e programas das distintas candidaturas, maiormente a Lidia Senra, que mesmo recibe un longo texto asinado por Xosé Manuel Beiras. Recóllense tamén dous documentos de persoas que aínda están na carreira para seren elixidas para a listaxe mais critican o procedemento da participación de Anova nas eleccións. A candidata Ana María Vidal, reclama coñecer o “transfondo” do referendo onde, ao seu ver estase a “traballar desde diversos puntos da organización dos que se esperaría imparcialidade e  trato igualitario para todas as persoas candidatadas no referéndum, facendo todo o  posible para que unha decisión totalmente persoal, arbitraria e allea aos intereses primixenios do partido adquira a apariencia de democrática “. 

Pola súa banda, Xosé Manuel Bastida lamenta na súa carta a non participación dos tres candidatos Eyré, Balado e Rodríguez e explica a súa renuncia como “consecuencia da forma antidemocrática e manipulativa por parte da dirección de levar a cabo un proceso esencialmente democrático”. 

Reorganización e consignas 

Desde fontes do sector crítico sinalan que non teñen unha consigna común da maneira de participaren nas votacións. En principio, todo parece apuntar que votarán polas persoas da corrente crítica que aínda están na lista mais tamén é posíbel que se produzan abstencións e votos nulos. No seu obxectivo está a organización como corrente ou partido e dotarse de órganos de dirección propios co fin de participar de forma colectiva na organización de cara á próxima asemblea, última oportunidade para boa parte do sector de encauzar o futuro de Anova. Previsibelmente convocarán para o próximo sábado a primeira reunión do sector crítico para formalizar as súas estruturas.