Debate de investidura

VÍDEO EN DIRECTO | Segue aquí ao vivo o debate de investidura de Pedro Sánchez

O minuto a minuto da sesión de investidura, en 'Nós Diario'.

Como aconteceu no fracasado intento de investidura de Alberto Núñez Feixoo, do Partido Popular (PP), malia que daquela non estaba claro que se chegase a producir un acordo entre o PSOE e as forzas catalás, que exixían a amnistía para apoiar a reelección de Pedro Sánchez (PSOE) como presidente no Congreso español, todo indica que na sesión de investidura que comeza esta cuarta feira, xa con Sánchez como candidato, a amnistía volverá ser o eixo central do debate, que de forma previsíbel rematará nas votacións da quinta feira coa elección de Sánchez para un novo mandato co apoio de Sumar e as forzas nacionalistas de Catalunya, Euskadi e a Galiza, así como Coalición Canaria (CC), tras asinar distintos acordos de investidura ou lexislatura.

A sesión chega no marco dunha ofensiva dos conservadores e da ultradereita, co apoio do sistema xudicial español, contra o Proxecto de lei orgánica de amnistía, rexistrado a segunda feira na Cámara Baixa, e cuxa aprobación definitiva levará meses. Tanto PP como a ultraespañolista Vox buscan desde suspender a investidura até imposibilitar que a lei, que beneficiará as persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado español e que tamén incluirá os policías denunciados por actos de violencia para evitar o referendo de autodeterminación do 1 de outubro de 2017 en Catalunya, chegue a ser promulgada.

 Actualizar 
19:55

Quenda agora de Gabriel Rufián, de ERC, que se dirixe á dereita: "Levan 46 anos dicindo que España está rota. Neste tempo o único que se rompeu son os discos duros de Bárcenas 35 veces e a dereita española dúas veces". Tamén afirma que "o único que une" todas as formacións que votarán 'si' a Sánchez é a súa "vontade de frear PP e Vox".

19:40

Pedro Sánchez agradece o apoio de Sumar: "Non podo estar máis de acordo co que dixo da política útil e a política sen insultos. Hai partidos que insultan e faltan á verdade, e partidos que poderemos discrepar deles; pero facémolo desde o respecto. Non todos os partidos son iguais. Véxoo en vostede", dixo, dirixíndose a Yolanda Díaz.

18:50

Yolanda Díaz reivindica o seu proxecto de coalición co PSOE e afea a corrupción do PP: "Demostráronnos aos españois que só coñecen unha forma de Goberno, que se chama corrupción. A corrupción do PP custoulle aos españois nin máis nin menos que 60.00 millóns de euros. Iso si que rompe España, señor Feixoo".

18:30

Os deputados de Vox abandonan o Congreso para impedir a réplica de Pedro Sánchez entre acusacións de "golpe de Estado".

18:10

Hijo de puta" ou "Me gusta la fruta"? Que lle dixo Isabel Díaz Ayuso a Pedro Sánchez nun momento captado polas cámaras?

17:50

O líder do ultradereitista Vox, Santiago Abascal, acusa Sánchez de dar un golpe de Estado: "Hitler tamén chegou ao poder mediante unhas eleccións, señor Sánchez, e só despois manobrou para liquidar a democracia. Como o chamou vostede na súa réplica ao señor Feixoo? A ditadura dos votos, verdade? Pois coa ditadura dos votos chegaron ao poder moitos dos peores tiranos e criminais da historia".

17:10

Pedro Sánchez critica os pactos do PP con Vox: "Da violencia de xénero díxonos que non merecía a pena mencionala nos seus pactos con Vox porque era ‘unha obviedade’. O mesmo pasou co cambio climático. Na súa sesión de investidura dixo ‘non vou perder un só segundo en debater sobre o cambio climático’. A súa falta de empatía coas xeracións que virán paréceme moi preocupante".

16:40

Feixoo atribúe erroneamente unha cita a Antonio Machado... que resultou ser de Ismael Serrano: "Hoxe é sempre aínda, toda a vida é agora. E agora, agora é o momento de cumprir as promesas que nos fixemos. Porque onte non o fixemos, porque mañá é tarde. Agora".

16:10

Feixoo, a Sánchez: "Veu presentarse como mal menor, vaia mérito. Vostede é o mal maior. Vostede é o problema coa súa falta de palabra, a súa ausencia de restricións morais, a súa patolóxica ambición. España mentres siga estará condenada á división, ese é o seu legado. Da súa Presidencia quedará o legado de Puigdemont chegando a España. A vostede a historia non o amnistiará. Prométollo".

15:50

Quenda do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, que afirma que a investidura nace "dunha fraude". "Hoxe non acaba nada. Este non é o grolo final. Non hai límites nin os haberá para satisfacer a ambición persoal do candidato Sánchez. Non hai límites éticos, porque non ten reparos en recorrer á mentira sempre que lle beneficie; non hai límites políticos, porque o fin xustifica calquera medio e socio; e non hai nin tan sequera límites legais, porque se a lei entorpece os seus propósitos, adecúase aos intereses persoais de si mesmo ou dos seus socios", dixo.

13:45

Suspéndese a sesión até as 15:30 horas

13:37

O presidente do Goberno en funcións comprometeuse no debate de investidura a “facilitar a conciliación” de pais e nais ampliando o permiso por nacemento das 16 semanas actuais ás 20.

13:30

Pedro Sánchez: "No nome de España, no interese de España, en defensa da concordia entre españois, vou conceder unha amnistía ás persoas procesadas polo procès catalán"

 

13:20 

"Os delitos de agresión e abusos a menores non prescribirá. Crearemos un fondo estatal para o pago de axudas ás vítimas, e instaremos á Igrexa católica para recoñecer as vítimas destes abusos por parte do clero. Imos reforar o labor dos centros educativos para asegurar a formación da educación sexual".

 

13:10

Pedro Sánchez: "Os ricos terán que pagar máis que o resto". "Imos acabar coas vías de evasión fiscal das grandes fortunas. Mentres gobernemos, van pagar máis que o resto, porque o que di a constitución é que contribúa máis quen máis ten, e así ten que ser".

 

13:00

O presidente do Goberno en funcións comprometeuse para levar a cabo un gran pacto de Estado de Saúde Mental que aumentará o número de psicólogos e psiquiatras no Sistema Nacional de Saúde (SNS). "Imos reducir os tempos de espera e a garantir que en España non haxa un só cidadán que necesite axuda psicolóxica e non poida obtela", afirmou durante a súa primeira intervención no debate de investidura no Congreso dos Deputados.

12:56

O candidato anuncia medidas dirixidas a baixar a inflación, como baixar o IVE de alimentos até xuño de 2024, e a partir do 1 de xaneiro o transporte público será gratuíto para os menores, a mocidade e para os desempregados. Tamén se vai elevar o limiar de renda media, dos 30.000 euros actuais aos 38.000.

 

   
12:40

Primeiros apupos desde a bancada da dereita: “Eliminaron os carrís bici, suspenderon licenzas fotovoltaicas...” comezou Sánchez desde a tribuna, antes de ser interrompido polos comentarios por parte da bancada da dereita, molesta coas súas declaracións.

 

12:27

Sánchez critica a extrema dereita e a dereita que pacta con ela. "Cando se cuestiona o feminismo, cuéstionanse causas sobre dereitos humanos. Propostas reaccionarias contra a ciencia, cambio climático, cultura e que atacan ao diferente. Parasitan a dereita tradicional", engadiu. "O PP bendeciu a ultradereita dándolle 5 gobernos autonómicos con carteiras non menos importantes. Deulle a potestade de afectar a vida de 12 millóns de españois, e permitiulles expandir o seu discurso de odio".

 

12:17

O candidato a presidente céntrase agora na política económica e social, e nos compromisos pendentes en Europa. "Mellorar o estado do benestar e non facer todo o contrario como avogan os neoliberais de arriba", sinala

 

12:13

O presidente en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, comezou o seu discurso expresando o seu “respecto” ás persoas que se manifestaron nos últimos días nas rúas contra a lei de amnistía e os pactos cos independentistas: “É unha das formas de defender a nosa democracia que recoñece a nosa constitución”.

 

12:01

Decenas de persoas protestan contra a investidura nas inmediacións do Congreso convocados por diferentes colectivos e plataformas de ultradereita. Hai despregados 1.600 axentes da Policía.

12h

Arrinca o debate de investidura de Pedro Sánchez