EH Bildu sitúase como a primeira forza en Euskal Herria

Conseguiu o 20,6% dos votos entre País Vasco e Nafarroa. A esquerda abertzale foi a máis votada en Gipuzkoa e Araba, segunda en Bizkaia (tras o PNV) e tamén segunda en Nafarroa (despois do PP).

A esquerda abertzale foi o domingo a opción máis votada na Euskal Herria sur (sen Iparralde). Eh Bildu sumou 220.000 sufraxios en País Vasco e Nafarroa, o que supón o 20,6% das papeletas emitidas. Un resultado cualificado como ''extraordinario'' pola coligación independentista, que logra representación no Europarlamento.

Eh Bildu é a forza máis votada en 2 das catro 'provincias' vascas ao sur dos Pirineos: Gipuzkoa (feudo histórico da esquerda abertzale, onde tivo o 32%) e Araba, tradicionalmente a menos nacionalista. Aquí Eh Bildu rozou o 20% dos apoios. En Bizkaia o triunfo foi para o PNV, ficando @s independentistas en segundo lugar. E en Nafarroa foi o PP a opción máis votada, seguida de EH Bildu (máis do 20%) e dun PSOE que se desplomou.

O PNV mantense como a principal opción en País Vasco, mesmo sumando votos comparado con 2009. Mais en Nafarroa cae á sétima posición

O PNV segue a ser, porén, a forza máis votada en País Vasco. Con máis sufraxios que hai cinco anos. En Nafarroa, sen embargo, ficou en sétima posición, tras forzas como UpyD ou Podemos.

Campo non abertzale

No que atinxe ao arco composto por aquelas forzas que non son propias de Euskal Herria, O PSOE é a terceira forza, cun 12,7% dos votos. Son 13 puntos menos que nas eleccións europeas de 2009 (tivera case o 26% dos apoios). O PP tivo o 12,3% dos sufraxios cando en 2009 lograra case o 19%.

Izquierda Unida tamén subiu en Euskal Herria, sobrepasando o 5,8% dos apoios se ben foi superada por Podemos, que irrumpíu no escenario vasco con máis de 72.000 votos (6,8%).