ELVIRA SOUTO/ENTREVISTAS ARREDOR DA UNIDADE

“É o momento de tender todas as pontes posíbeis”

Elvira Souto

Integrante da coordenadora de Iniciativa pola Unión, Souto acredita nas “boas perspectivas” que hai para a confluencia co 'Encontro cidadán por unha marea galega'. “O que nos afasta é tan mínimo que é perfectamente salvábel”, afirma.

 

-O proceso que comezou no verán e que callou no que hoxe é 'Iniciativa pola Unión' en que momento se atopa actualmente?

-Estamos centrados na confluencia co resto de actores que apostan nunha candidatura unitaria. Consideramos que é o momento de tender todas as pontes posíbeis, con plataformas, colectivos, grupos, persoas... que traballan e están por que haxa unha candidatura unitaria para as eleccións xerais.

-A pregunta que está na cabeza de moit@s: haberá confluencia co Encontro cidadán por unha marea galega?

-Hai boas perspectivas. Se algo nos separa é tan mínimo que é perfectamente salvábel. As dúas grandes cuestións son partilladas por ambas as dúas: candidatura unitaria e a non tutela dos partidos. E isto non é ir contra os partidos nin pedirlles que renuncien a participar e ter un papel.

Fomos dous procesos que comezamos e andamos en paralelo, así como moitas outras iniciativas e propostas que foron facéndose desde diferentes niveis.. mais como o obxectivo é o mesmo, estamos porque se dea unha unidade.

-Unha das cuestións a debate en todo este proceso é o do grupo parlamentar. Por que a necesidade do mesmo para IpU?

-Porque é unha ferramenta potente de defensa do país. Un grupo parlamentar soberano, sen dependencia, é unha ferramenta moi útil de defensa dos sectores máis agredidos da sociedade galega. E ter ese grupo non significa que se renuncie ou descarte apoiar e ser solidarios con cuestións que alí se traten e sexan dun ámbito 'superior' ao galego.

-Mais hai voces que inciden en que nestas xerais o que está en xogo é un cambio, derrotar o goberno do PP, e non tanto o de pular por ter un grupo parlamentar...

-Un grupo parlamentar galego, que non obedeza a outro que non sexa a cidadanía galega, non é un grupo parlamentar cuxos votos se vaian perder cando se aborden no Congreso modificacións de ámbito superior ao galego cara ao cambio ou á ruptura. É algo que creo que é moi interesante ter presente e non perder de vista. Os deputados e deputadas dese grupo conxugarían a defensa dos intereses do pobo galego co apoio a propostas e proposicións que se fagan a nivel de estado para superar a situación actual e avanzar.