ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO

As emendas do BNG piden maior dotación para sectores produtivos galegos, servizos públicos e emprego

Olaia F. Davila e Rosana Pérez, deputadas no Congreso español

As deputadas nacionalistas presentaron no Congreso un feixe de emendas ás contas propostas polo PP procurando aumentar as partidas para eidos como o agro e a pesca, o sector naval, o ensino, o pequeno comercio ou a dependencia.

O BNG presentou nesta cuarta feira as emendas parciais aos Orzamentos Xerais do Estado 2016, procurando coas achegas, afirma, que se reduza “o gasto en capítulos innecesarios e adicándoo a cuestións importantes para a xente”. Nesta liña, o Bloque propón emendas que abranguen desde o aumento de dotacións para sectores produtivos, seguridade ferroviaria até unha aposta decidida por revistar á alza as dotacións para servizos públicos ou pensións. Pola contra, o BNG pide recortes nos fondos para a Igrexa e a Casa Real española.

Educación: 60 millóns para os Programas de Educación Infantil, 100 millóns para Bolsas, 50 millóns para axudas para libros de texto, 20 millóns para Bolsas para estudantes universitarios.

No eido industrial: Plan de Modernización do sector naval dotado de 150 millóns e para fomento da industria auxiliar 30 millóns. 50 millóns para un Plan de Desenvolvemento Tecnolóxico-Industrial para Galiza. Para a reactivación económica das comarcas mineiras do carbón de Galiza, o BNG plantexa 20 millóns de euros. E un Plan de I+D+I dotado de 450 millóns. Outra das propostas do BNG é un Plan de incentivos ás enerxía renovábeis dotado de 100 millóns.

Ambiental: Plan para o Saneamento integral das Rías galegas dotado de 22 millóns. Tamén solicita 20 millóns para valorizar os bosques autóctonos de Galiza. 20 millóns para un Plan de Recuperación de zonas afectadas por incendios.

Seguridade ferroviaria: “Dado o dramático accidente acontecido en Angrois”, o BNG propón 40 millóns de euros a destinar a la seguridade ferroviaria. Para a Real Academia Galega o BNG plantexa un aumento de 727.000,-os orzamentos só contemplan unha dotación de 273.070.

Agro: incentivos fiscais, un Plan de Fomento da agricultura ecolóxica con 10 millóns. E un Fondo Lácteo dotado de 50 millóns. Para facer fronte á grave crise do sector lácteo pola baixada dos prezos do leite, as deputadas nacionalistas piden medidas estraordinarias cunha partida de 50 millóns. Para un Programa de Desenvolvemento Rural na Galiza pídese 30 millóns.

Pesca: solicita un Plan de Acicón para as comarcas dependentes da pesca por 10 millóns, compensacións a profesionais do sector pesqueiro por paros obrigatorios por 8 millóns.

Recortes: Entre as emenadas nacionalistas aos OXE 2016 tamén se propón recurtar nun 40% a asignación tributaria á Igrexa Católica no IRPF, diminuir nun 30% a aportación á Casa Real así como o orzamento de Defensa.

Emprego e financiamento muncipal, pensións: Fondo Especial de Financiamento a favor dos municipios de poboación de menos de 20.000 habitantes. Demanda o BNG unha subo do 3% dos salarios dos empregados públicos e que a taxa de reposición de emprego público sexa do 100%. Tamén pide un Plan de Emprego dotado de 120 millóns de euros, e partidas para a reinserción laboral e para parados de longa duración. En materia de pensións, pide que se actualicen dacordo á evolución do IPC posto que a previsión de incremento do 0,25% “é na práctica unha conxelación salarial”.

Servizos Sociais e dependencia: 40 millóns para un Plan Concertado coa Xunta para Programas Sociais. Para Programas de Asistencia Social para Mulleres vítimas de violencia de xénero, piden 6 millóns de euros. 150 millóns para Atención a Persoas en situación de Dependencia en coordinación coas CC.AA.

En materia fiscal, o BNG presenta unha seria de emendas coa finalidade de acadar unha fiscalidade máis progresiva e xusta, gravando máis ás rendas de capital e aos que máis gañan. Piden cambios nas Leis Fiscais para arranxar o problema da fiscalidade das pensións percibidas do estranxeiro. Demandan a rebaixa do IVE en bens e servizos empregados na produción agrícola, gandeira e forestal dado o encarecemento dos custes de producción.