Unha enquisa dálle a Lores maioría absoluta en Pontevedra

lores-cropII

Segundo Sondaxe, o alcalde do BNG encabezaría a única lista que consiga a maioría absoluta nas cidades galegas, onde PP e PSOE perden moitos votos e Podemos -que non se presentará como tal- aparece con forza.

 
 
 
 
 
 

 

O alcalde e candidato á relección polo BNG na cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, conseguirá a única maioría absoluta de todas as cidades galegas nas eleccións municipais que terán lugar en maio de 2015, segundo unha enquisa de Sondaxe que publica este domingo La Voz de Galicia.

Lores, que leva quince anos no cargo, confirma as boas sensacións da lexislatura e tamén os galardóns internacionais que está a recibir e lograría unha marca histórica, a primeira que lle permitiría gobernar sen necesitar o apoio de ningunha outra forza ao sacar 13 concelleir@s, dous máis que agora e catro máis dos que tería o PP, que seguiría lonxe do mando dunha cidade simbólica para Rajoy e o actual poder dentro da formación. O PSOE ficaría en só dous asentos, por un de Podemos.

A formación que dirixe Pablo Iglesias a nivel estatal e que estes días se organiza en Galiza é a gran novidade da enquisa, xa que entra con forza en todas os concellos urbanos. Non obstante, Podemos non se vai presentar como tal aos comicios, así que está por ver que fórmula utiliza, que será nas chamadas candidaturas cidadás, como por exemplo as Mareas, onde poderían coincidir con AGE. A enquisa, namentres non se confirma esa posibilidade, valora por separado ambas forzas, que en todo caso semellan estar en condicións en moitos casos de liderar o antagonismo ao PP por riba do PSOE e xunto a un BNG que, alén do grande éxito de Lores, perde algunha posición pero resiste en todas as cidades.

Así, na Coruña Negreira perdería  a maioría absoluta e só podería gobernar co apoio do PSOE, namentres Podemos sería a segunda forza empatada cos socialistas, o BNG ficaría con dous concelleiros e AGE co que ten. En Ferrol estaría en perigo o alcalde popular, sendo onde Podemos obtén mellor rexistro; en Lugo o voto está moi fragmentado, con complicadas alianzas para PP -que gaña- e PSOE, con Podemos (4) e BNG (2) tamén, ao contrario que AGE.

Perde a maioría absoluta tamén o PP en Compostela, onde o PSOE é segunda forza, Podemos saca 4 actas, o Bloque mantén as tres actuais e AGE entra con dúas. En Ourense afúndese o PSOE pero o PP non chega á maioría absoluta namentres que crecen Podemos e, sobre todo, Democracia Ourensana. O BNG tería dous concelleir@s. E por último, en Vigo o PSOE respira xa que Abel Caballero gañaría con clara vantaxe ao PP, pero sen pasar da metade dos asentos no concello, que dificilmente obterá de Podemos (4) ou BNG (2). Aquí tampouco entraría AGE, segundo as previsións de Sondaxe.