A enquisa do CIS certifica unha maioría abertzale nas eleccións vascas

Parlamento-vasco

PNV manteríase como primeira forza sen perder ningún escano. EH Bildu sería segunda e Podemos, moi perto, terceira.

A enquisa do CIS desta quinta feira coincide, a grandes rasgos, coa sondaxe que o día antes deu a coñecer a cadea pública de radiotelevisión vasca, EiTB. O PNV gañaría as eleccións, EH Bildu sería segunda forza e Podemos, terceira, moi perto da esquerda abertzale. PSOE e Podemos baixarían significativamente a respecto dos comicios de hai catro anos. As forzas abertzales sumarían 43/44 escanos nun Parlamento de 75, unha maioría máis que ampla.

O PNV obtería, segundo o CIS, 27/28 escanos, mantendo así os que ten na actualidade (27) e mesmo con posibilidades de aumentar 1. En 2012 obtivo o 34% dos votos e agora tería o 37,9%.

En segundo lugar estaría EH Bildu, que lograría 16 escanos, 1 menos dos que lle dá a sondaxe da EiTB e 5 menos que os que logrou en 2012. Nestes comicios tería o apoio do 20,2% dos votantes. Podemos serían terceiros, cun 18,6% e 15/16 deputados. O PSOE obtería 8(8 menos que hai catro anos) e o PP tamén 8 (lograra 10 en 2012). Non entraría Ciudadanos, formación ao que o inquérito da EITB daba un escano, por Araba.