Eleccións Europeas 9-X

Sigma Dos: o PP gañaría a nivel estatal seguido do PSOE; Agora Repúblicas, entre dous e tres escanos

Proxección de Sigma Dos para as europeas.

Segundo a enquisa difundida este 9 de xuño ás 20 horas pola CRTVG e elaborada por SIgma 2 sitúa o PP con 21-23 escanos, o PSOE 20-22, Vox 6-7, Sumar 3-4, Podemos 2-3, Agora Repúblicas (BNG, ERC, Bildu) 2-3, Se acabó la fiesta 2-3, Junts 1 e CEUS (PNV-CC) 1.

A enquisa difundida ás 20 horas, ao feche dos colexios electorais pola CRTVG e elaborada por Sigma 2, sitúa o Partido Popular como primeira forza, que pasaría dos 12 escanos (13 após o Brexit) que obtivo en 2019 aos 21 ou 23, incrementando a súa porcentaxe de voto de 20,2% a 32,40%.

 

 

O PSOE mantería os seus 20 escanos (21 logo do Brexit) que obtivo hai cinco anos e mesmo podería aumentalos chegando aos 22, baixando iso si en porcentaxe de apoio (de 32,9% a 30,2%). Ciudadanos desaparecía da Eurocámara, perdendo os seus 7 escanos (8 despois do Brexit) e reducindo o seu voto de 12,2% a 1%.

Vox substituiría a forza laranxa como terceira forza no Estado español, obtendo 6-7 escanos en 10,4% dos sufraxios. Hai cinco anos tivera 3 actas (4 logo do Brexit) e 6,2% dos votos.

Sumar estaría entre os 3 e os 4 escanos e 6,3% de apoio. Podemos baixaría dos 6 escanos e de 10,1% de votos a 2-3 escanos e 4,4% de apoio electoral.

Agora Repúblicas, a coalición de BNG, ERC, Bildu e Ara Més colleita no Estado un 4,3% de apoio e estaría entre os 2 e 3 escanos. En 2019 obtivo 5,6% de voto e 3 actas na Eurocámara.

A forza ultraespañolista Se Acabó La Fiesta entraría no Parlamento Europeo con 2-3 escanos ao obter 3,9% de sufraxios.

A enquisa atribúe 1 escano á candidatura de Junts (tivera 2 en 2019 e gañara 1 máis despois do Brexit) e outro á de CEUS, a lista electoral do PNV e Coalición Canaria.