23-X

Enquisa de SocioMétrica: Feixoo gañaría as eleccións mais a suma coa extrema dereita ficaría no ar

Alberto Núñez Feixoo, nun acto recente do PP. (Foto: Mateo Lanzuela / Europa Press)
O BNG garantiría dous asentos, pola Coruña e Pontevedra, segundo o mesmo estudo.

A enquisa a pé de urna elaborada por SocioMétrica para o xornal El Español dá, na liña das demais que transcenderon nos últimos minutos, a vitoria ao PP de Alberto Núñez Feixoo. Segundo esta sondaxe, os conservadores obterían 32,4% dos votos no conxunto do Estado e entre 134 e 140 escanos. Porén, a maioría xunto á extrema dereita ficaría no ar.

Así, esta enquisa dá á formación ultraespañolista Vox 13,8% dos sufraxios, na terceira posición por riba de Sumar, con entre 35 e 39 asentos. A segunda praza sería para o PSOE, que caería a 29,1% e entre 109 e 115 deputados e deputadas.

Sumar, pola súa parte, ficaría relegado ao cuarto posto cun 13% e entre 32 e 35 escanos. E o BNG lograría 0,9% dos votos e dous asentos que esta sondaxe dá por seguros na Coruña e Ourense.

En Catalunya, ERC e Junts moveríanse en cifras moi semellantes, cunha estimación de entre 7 e 8 escanos e 2% dos votos para os primeiros e 1,8% para os segundos. E en Euskadi o PNV (1,4%) superaría EH Bildu (1,3%), mais en escanos poderían empatar a 6.

Tamén entraría no Congreso Coalición Canaria, cunha acta, e quedaría no ar o escano de Aragón Existe, con 0,2% do voto total. O resto de formacións políticas non lograrían representación e sumarían o 3% restante de sufraxios.