Caballero arrasa en Vigo e o BNG triplica a representación
Cúmprese o guión previsto en Vigo. Co reconto en 98,4%, Caballero alcanza unha ampla maioría absoluta, con 19 actas e 60,9% dos sufraxios. Porén, o candidato socialista non se libra da caída xeral da súa formación e cede sete puntos e un concelleiro en relación con 2019.
"Non hai precedentes en toda España dun resultado así, só Vigo hai catro anos", manifestou Caballero ao comparecer ante a prensa. "É un resultado fantástico para a cidade", proseguiu, "A cidade quere seguir cambiando, navegando cara á estrela polar".
O Partido Popular, encabezado pola delegada da Xunta da Galiza en Vigo, Marta Fernández-Tapias, amplía nun concelleiro a súa representación e fica en cinco actas, unha máis que no anterior proceso.
O Bloque Nacionalista Galego, liderado por Xabier Pérez Igrexas, triplica a súa representación e alcanza grupo municipal de seu na corporación municipal.
Marea de Vigo, liderado polo militante de Esquerda Unida Rubén Pérez, perde, tras dous mandatos, a súa representación.