Espía na campaña: as fochas do idioma e do machismo

quiosque

Os xornais impresos escriben as súas capas en galego, un día ao ano, namentres por Madrid algúns medios xa nin informan, só ofrecen opinión favorábel ao PP, mesmo a prol dos delirios do seu candidato.

Focha. Bonita palabra. E moi simbólica nunha data como a de hoxe. Non é habitual que nas capas dos diarios impresos de Galiza apareza unha verba tan nosa como “focha”. Pero o cínico ritual co que a mesma prensa sistémica que marxina á lingua galega durante todo o ano celebra as nosas letras acompáñase de primeira páxinas escritas en galego, unha especie de “gol da honra” co que intentan, sen conseguilo, paliar a goleada que lle mete o español á lingua propia de Galiza o resto do ano. E iso si que é unha focha, un burato no terreo, esa perfecta palabra que hoxe aparece na capa de La Voz de Galicia.

Xornada das Letras e oito días para os comicios europeos, alí onde os gobernos asinaron unha carta sobre dereitos lingüísticos que nunca se cumpre. No Estado, a campaña rebentou por unhas declaracións machistas do candidato do PP, dalgún xeito xa adiantadas pola versión impresa de Sermos Galiza no debate imaxinario que publicou. E non deixa de ser curioso que esa páxina retranqueira e avanzada deste mesmo medio teña máis que ver coa realidade que as portadas dalgún xornal madrileño hoxe, nas que cometen o erro de defender ao PP dunha acusación da que non informan, ou sexa, iso de excusatio non petita, accusatio manifesta. Di La Razón que a dereita non é machista porque agora hai outra muller no consello de ministros. Que somos parvas non o pon, pero fica claro que o pensan.