O espía na campaña: xornais en defensa dos "malos acordos"

Quiosque.

O  espía nos quiosques segue coa súa tarefa. E alucina cando ve á imprensa oficialista esquecer que un candidato foi ministro, porque agora seica tamén é un "rexenerador". Así que prefiren que vostede non vote, deixen que dialoguen @s que mandan. Así gañan. Eles.

O da prensa intentando evitar o de que a xente vote en función da súa carraxe contra @s que mandan provoca expresións ben raras. Durante días José Blanco xa non tiña pasado para as páxinas dos xornais sistémicos, era simplesmente un candidato, até parecía un deses que se auto-denominan “rexeneradores” e cuxa gran idea de “rexeneración” é defender unha Constitución de hai corenta anos e unha monarquía de hai tres séculos. Pero resultou que ao que aquí se nos vende como “candidato” pero se pensan en chave galega resulta que é o número 10 dunha candidatura -ou sexa, Galiza non merece máis que quedar de décima logo doutros nove que seica van defender o noso moito mellor malia que a súa interpretación do noso país é turística- é responsábel directo da desfeita gobernamental que axudou matar a case 80 persoas nun tren en Angrois. Daquela, o José Blanco deixa de ser o candidato nos titulares, e pasa a chamarse “ex-ministro”, busquen e xa verán, poucas veces se lle chama “ex-ministro e candidato”, sempre van separados os conceptos. Senón é posíbel que a xente lembre que isto é política, non un rito intranscendente ao que se non acodes, pois mellor.

 

Porque o nivel non é preocuparse polo que lle pase á xente, senón pola saúde do sistema. Explícao Juan Salgado nunha columna no Correo Gallego: “Vale máis un mal acordo que un bo pleito e ofrecen (o PSOE) diálogo ao PP”. Os malos acordos son o mellor. Reformas laborais, recortes, represión? Mellores que un bo “pleito”. Nin protesten nin voten, di a prensa axeonllada. Asuman. Calen. Din eles. Nós non.