O Goberno do Estado ábrese a dotar Galiza dun novo modelo de financiamento

A vicepresidenta primeira do Goberno do Estado e ministra de Facenda, María Jesús Montero, abriu onte a porta no Congreso dos Deputados, en resposta a unha pregunta do deputado Néstor Rego (BNG), a dotar a Galiza dun novo sistema de financiamento axeitado á súa realidade.

Montero manifestou a vontade do Executivo de “negociar co señor Rego para avanzar, convir e acordar un novo sistema de financiamento para Galiza, que permita blindar as competencias e dote de máis diñeiro para a prestación dos servizos”. Nesta liña, agradeceu ao BNG que non utilice “o debate sobre o sistema de financiamento para a confrontación, senón para buscar fórmulas que nos permitan avanzar en como incrementar os recursos das comunidades autónomas e como se utilizan eses recursos”.

O modelo de concerto

A ministra de Facenda xa afirmou a pasada semana no Senado que Galiza era unha comunidade infrafinanciada co actual modelo e amosou a súa disposición de estender ao país o sistema de financiamento acordado entre ERC e PSOE para Catalunya, que crea unha axencia tributaria catalá e deixa en mans da mesma a recadación de todos os tributos xerados nese país. Precisamente, esta fórmula é rexeitada polo presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda.

A succión dos impostos

As palabras de Montero de onte chegaron tras unha pregunta do portavoz nacionalista no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, que sinalou que “os datos non deixan lugar a dúbidas. O economista Xosé Díaz estima que desde 2009 o Estado succionou á Galiza case 60.000 millóns de euros. Por non ir tan atrás, se tomamos a liquidación de 2022 resulta que a diferenza entre o que os galegos e as galegas pagamos en impostos e o que o Estado nos devolve sitúase en 5.344 millóns de euros, sen contar o efecto sede".

Rego asegurou que “aínda que houbese que destinar a metade desa contía ao Estado para o pagamento dos servizos comúns, estamos a falar dun incremento dos recursos públicos para a Administración galega de máis de 20% en relación cos orzamentos da Galiza, unha cantidade significativa, insisto, nun país que, sendo rico en recursos mais empobrecido polas políticas que sofre, se sitúa á cola en indicadores de desenvolvemento e benestar”.

O sistema de concerto

O deputado nacionalista afirmou que “o actual sistema de financiamento é gravemente lesivo para a Galiza” e reclamou “soberanía fiscal e, no inmediato, un sistema de concerto que dea á Galiza capacidade normativa e de recadación”. “Se vostedes aceptan unha financiamento “singular” para Catalunya, deben aceptala tamén para un país como Galiza, con características singulares que pode e debe responsabilizarse de si propio e dos recursos que xera”, concluíu Rego.

A proposta avanzada onte no Congreso dos Deputados por María Jesús Montero de pactar un novo modelo de financiamento para Galiza formalizouse só dous días antes do encontro entre o presidente do Estado, Pedro Sánchez, e o seu homólogo galego, Alfonso Rueda, que expresou a súa negativa a acordar sobre esta materia co mandatario español.