O Estado transferiu en 2022 a Galiza 5.344 millóns menos dos recadados aquí en impostos

O Estado non entregou Galiza 59.111 millóns dos recadados no país en impostos entre 2009 a 2022. (Datos: Xosé Díaz/ Gráficos: Nós Diario).
O acordo alcanzado entre o PSOE e ERC para investir Salvador Illa sitúa no primeiro plano da actualidade o debate sobre o financiamento. Mentres o presidente galego, Alfonso Rueda, fai bandeira da defensa do modelo vixente, a liquidación de 2022 sinala que Galiza perde 5.344 millóns de euros.

Os datos da liquidación do sistema de financiamento de 2022, os últimos coñecidos e cuxo contido vén de facer público o Executivo español, certifican un saldo neto negativo para Galiza nas súas relacións co Estado. Neste sentido, o economista Xosé Díaz, quen fora presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura (1997-2001), nun traballo rematado neste mes de agosto e titulado Os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2022 sinala que nesa anualidade Galiza perdeu 5.344 millóns de euros.

Os datos de Díaz, aos que tivo acceso Nós Diario, indican que o Estado recadou en impostos na Galiza en 2022 un mínimo de 15.385 millóns de euros, mais só reintegrou 10.041 millóns de euros. A este respecto, Díaz aclara a este xornal que deses 10.041 millóns de euros, 6.695 millóns de euros proceden de ingresos tributarios e 3.346 millóns de transferencias do Estado.

Podemos comprobar como a diferenza entre os impostos soportados en 2022 pola Galiza -15.385 millóns de euros- e a necesaria división binomial á que recorre o sistema de financiamento de impostos máis transferencias, de carácter estritamente ideolóxico, elevouse a 5.344 millóns de euros que succiona o Estado”, apunta Díaz, quen lembra que “esta é unha contía moi superior á que achega Euskadi, que conta cun réxime de concerto”.

A achega de Euskadi

A Lei quinquenal do cupo vasco, aprobada en novembro de 2022 pola Comisión mixta do concerto económico, obriga a Euskadi a achegar ao Estado para o mantemento dos servizos comúns unha contía de 1.464 millóns de euros ao ano. Neste sentido, a normativa en vigor determina que a facenda vasca mantén concertada a totalidade dos tributos do Estado, excepto as rendas de alfándegas.

As cifras fornecidas pola liquidación do sistema de financiamento de 2022 sitúanse na dirección doutras anualidades. Neste sentido, en 2021, o Estado recadou en impostos na Galiza un mínimo de 13.974 millóns, reintegrando 8.892 millóns, dos que 6.129 millóns de euros procedían de ingresos tributarios e 2.763 millóns de euros de transferencias do Estado. As contas desa anualidade corrixiron a caída de ingresos xerada en 2020 pola pandemia do coronavirus, cando o Estado ingresou en impostos un mínimo de 11.938 millóns de euros e só devolveu ao país 7.944 millóns de euros.

Os números son semellantes aos derivados das liquidacións orzamentarias de 2019, 2018 e 2017. Díaz lembra que "en 2019, a Galiza perdeu 4.572 millóns de euros, após contribuír cun total de 13.222 millóns de euros e só recibir 8.650 millóns de euros" e "en 2018 a cantidade achegada por Galiza ao Estado situouse nun mínimo de 13.132 millóns", porén a contía devolta ficou en 8.268 millóns de euros, provocando un saldo negativo de 4.863 millóns. Ao tempo, en 2017, as galegas e galegos contribuíron ao Estado cuns tributos mínimos de 12.214 millóns, reintegrando a administración estatal 7.643 millóns e xerando un balance negativo de 4.570 millóns de euros.

O PIB galego de 2022

A serie histórica das liquidacións do sistema de financiamento desde 2009, ano da entrada en vigor do actual modelo para os territorios do denominado réxime común, dá conta do impacto negativo do sistema vixente para Galiza. A este respecto, Díaz lembra que “entre “2009 e 2022, a diferenza entre os impostos soportados por Galiza e a formulación binomial do sistema de financiamento elevouse a nada menos que 59.911 millóns de euros, que servirían para mellorar o benestar social e a prestación dos diferentes servizos”, unha cifra próxima ao Produto Interior Bruto de 2022, que sumou 69.820 millóns de euros.

Xosé Díaz, autor dunha ampla bibliografía sobre as cuestións de financiamento e autor, entre outros, dos ensaios As contas que nos contan, libro publicado por Sermos Galiza S.A. e de Autogoberno e sistemas de financiamento. O papel da nación galega (Laiovento), advirte dos "riscos do actual sistema" e critica "a falacia de que a capacidade fiscal galega consiste nos tributos cedidos e non na tributación total que soportan os galegos e as empresas que teñen unha actividade empresarial na Galiza". Precisamente, o Estado fixa a "capacidade fiscal galega" en 6.695 millóns de euros, contía que se corresponde co 43,5% do realmente recadado na Galiza.

O economista maniféstase crítico co actual modelo. Nesta liña, aposta por avanzar cara a un sistema diferente que permita ao poder galego recadar todos os tributos, fixar unha política fiscal propia e dotarse dun marco que lle posibilite contar a Galiza coa suficiencia financeira necesaria para a prestación dos diversos servizos públicos.

O modelo de Estado

Díaz entende que "nestas condicións resulta obvio que Galiza, agora, non dispón da capacidade de contar cunha política fiscal e orzamentaria que lle garanta unha autonomía política beneficiosa e que lle dea unha solución progresiva aos seus problemas presentes e futuros e á mellora do benestar da súa poboación, evitando a lacra de emigración, interna e externa, entre outras". A este respecto, apunta que "a escolla que se faga dun sistema de financiamento determina directamente o nivel de autogoberno ao que se aspira”.

A lexislación española estabelece dous modelos de financiamento diferenciados para as comunidades. A maioría, entre elas Galiza, acóllense ao denominado réxime común, mentres que Euskadi e Nafarroa fan parte do sistema do concerto, o que lles permite recadar os seus propios tributos e contar con instrumentos reais de política económica, o que segundo algúns economistas explica en boa medida o seu maior nivel de prosperidade.

Díaz, que participou na Comisión especial do Parlamento galego sobre financiamento, creada en 2022, considera que "o sistema de réxime común e o de concerto son moi diferentes, tanto no cuantitativo como, especialmente, no cualitativo. O último corresponde ao recoñecemento de facto, que non de iure, como nación, facendo obvia a existencia dun Estado de carácter plurinacional"