JESSICA FERNáNDEZ, PRESIDENTA DO CONGRESO NACIONAL DA FORMACIÓN GALEGUISTA

“Estamos nun momento político de moitos cambios. E para Compromiso iso é moi positivo”

Esta concelleira nas Pontes vai ser a presidenta do I Congreso Nacional de Compromiso por Galicia, que este domingo decorre en Padrón.

 

‘Galicia en Positivo’ é o lema do I Congreso Nacional de Compromiso por Galicia, unha cita que terá lugar este domingo 16 de novembro no Hotel Scala (Padrón). No Congreso procederase á renovación dos cargos directivos da formación galeguista, así como a perfilar a folla de rota cara ás municipais de 2015. Jessica Fernández Polo, membro do Consello Político Nacional, vai ser a presidenta deste Congreso Nacional.

- Como encara Compromiso por Galicia este I Congreso Nacional e que agarda que saia do mesmo?

- É o primeiro congreso da formación, mais xa tivemos experiencias anteriores, como no Congreso de fundación ou as convencións electorais. Ademais, temos un percorrido en nos presentar ás eleccións, en elaborar programas e expoñelos ante a cidadanía. O obxectivo do Congreso é acordar entre todos os puntos esenciais da formación e cos que concorreremos, e como, ás municipais.

- Dous anos despois da súa fundación, como ve a Compromiso por Galicia?

- Ben, ninguén pode obviar que este momento político é de moitos cambios. Todas as organizacións tiveron que facer cambios e iso é algo que entendemos como moi positivo. Desde que nacemos tiñamos claro que había un percorrido que facer, e imos facéndoo pasiño a pasiño. Agora vai haber unha cita importante, que son as municipais. Teño claro que a nosa fortaleza vai estar aí, no debate municipal, que os cidadáns coñezan e vexan as nosas propostas, o noso programa.

- Para esas eleccións xa decidiu CxG se vai concorrer en solitario, noutras fórmulas. Está todo aberto?

- Fixemos un referendo no que preguntabamos á militancia pola fórmula preferida para concorrer a eses comicios. Maioritariamente optouse por barallar outras fórmulas. Iso agora haino que referendar no Congreso Nacional. Hai documento, tamén emedas. Así que creo que si, que é algo que está completamente aberto. Neste sentido, é esencial que as decisións das organizacións conten coa militancia, que sexan eles os que decidan. Somos un partido con paredes de cristal, a este Congreso pode asistir calquera persoa que así o desexe para ver os debates, escoitar...

“A miña opinión persoal é que sería moi bo que cara ás eleccións no Estado español haxa un acordo entre forzas nacionalistas”

- Nesa liña están as primarias, fostes das primeiras organizacións en realizalas en diferentes niveis..

- Hai dúas maneiras de entender as primarias: A nosa, que está no ADN a formación e a doutras organizacións, que o fan, mais semella que dan o paso máis como unha operación de marketing.

- Nun panorama de atomización do campo nacionalista, cal é a postura de CxG?

- Non ten por que ser negativo que existan varias formacións. Se o nacionalismo ou galeguismo quer ser maioritario ten que haber diferentes formas de o entender, aí está o exemplo catalán. E iso non é impedimento para poder chegar a acordos naquelas cuestións que poden ser de interese para o país, nós nunca desbotamos eses acordos.

- Xoán Bascuas dixo que Anxo Quintana lle parecía un candidato ideal nunhas xerais. Que opina?

A miña opinión persoal é que sería moi bo que cara ás eleccións no Estado español haxa un acordo entre forzas nacionalistas, porque Galiza se xoga moito. E Anxo Quintana foi o único vice-presidente nacionalista que tivo este pais, polo que o seu papel é importante.