EU aposta para as europeas nunha "fronte ampla" que integre as organizacións da esquerda "do sur de Europa"

[Imaxe: S.E.]

Yolanda Díaz chamou a que as catro organizacións políticas que integran AGE concorran de maneira conxunta nunha candidatura onde a Galiza estea presente "como país do sur". O 25 de xaneiro, Izquierda Unida celebrará unha conferencia política en Madrid para "centrar" o modelo de estado.


"A constitución dunha grande fronte ampla democrática na cal concorran todas as organizacións da esquerda plural do noso País nunha converxencia estatal mais tamén do sur de Europa". É a proposta que esta sexta feira 3 de xaneiro defendeu Esquerda Unida de cara ás eleccións europeas que se celebrarán o vindeiro mes de marzo.

A organización que lidera Yolanda Díaz declarouse xa en pre-campaña. Díaz sinalou que a Galiza debe concorrer a eses comicios "como un país do Sur" e ser "un piar fundamental desa fronte ampla" que "ten que votar, con uve", polo que chamou á cidadanía a "tomar en serio" as europeas. "A garantía de derrotar o fascismo social que goberna en Europa está na posibilidade de que o sur concorra unido", subliñou a coordenadora nacional de EU.

En rolda de imprensa, Díaz fixo un chamamento para que as catro forzas políticas que fan parte de AGE --Anova, Espazo Ecosocialista, Equo e a propia EU-- "concorramos unidas, pero non só nós, senón que faltan máis voces", sinalou, en referencia a ampliar o abano de 26 organizacións que se integran no Partido da Esquerda Europea e que o 15 de decembro escolleron o líder da coligación grega Syriza, Alexis Tsipras, como candidato ás europeas.

Ao fío, o secretario de organización de EU, Rubén Pérez, definiu a idea de EU como "unha candidatura en bloque" porque "chegou o momento de que a esquerda europea sexa quen de se organizar". Aliás, adiantou que o vindeiro 25 de xaneiro a organización participará dunha conferencia política en Madrid --cunha pre-conferencia o 18 de xaneiro en Compostela-- onde Izquierda Unida "vai centrar o modelo de Estado" que pasará pola "concreción do estado federal sobre a base do dereito a decidir".