7 parlamentares de Podemos; 3 de EU; 2 de Anova; 1 de Cerna e 1 independente

EU, con tres parlamentares, pide máis protagonismo en En Marea

Que se recoñeza a existencia das partes no grupo parlamentar de En Marea no Hórreo. Esta é a principal reivindicación de Esquerda Unida, que conta con tres dos 14 deputados e deputadas e que reclama para si maior protagonismo no grupo.

[Imaxe: EU] Rubén Pérez, Eva Solla e Yolanda Díaz
photo_camera [Imaxe: EU] Rubén Pérez, Eva Solla e Yolanda Díaz

Por vez primeira desde que se coñeceron os resultados das eleccións do 25 de setembro, Esquerda Unida puxo de manifesto publicamente a necesidade de contar cun maior protagonismo no grupo parlamentar de En Marea na Cámara galega. Así o advertiu esta mañá en declaracións aos medios, após o Consello Nacional da formación, o seu secretario de Organización, Rubén Pérez, quen compareceu ante a prensa acompañado da coordinadora nacional de EU e deputada do grupo En Marea-Podemos en Madrid, Yolanda Díaz, e da deputada eleita Eva Solla.

O grupo parlamentar está composto por sete deputados de Podemos; tres de EU; dous de anova; un de Cerna e un independente (o propio candidato, Luís Villares)

Rubén Pérez reivindicou que “se recoñeza a existencia das partes” na configuración do grupo parlamentar, que está composto por sete deputados de Podemos; tres de EU; dous de anova; un de Cerna e un independente (o propio candidato, Luís Villares). Malia apuntar que EU apostou no partido instrumental, Pérez engadiu que a formación liderada na Galiza por Yolanda Díaz “seguirá existindo como suxeito político”.

O responsábel de Organización afirmou que o debate agora é como se vai construír En Marea, “creo que temos que darnos un tempo, porque as bases de EU, Anova e Podemos, creo que tamén quererán discutir como construímos este debate político”, explicou.

"Quen queira construír un espazo en que a esquerda se defina como nacionalista ou non nacionalista e iso impida unha unidade popular está a equivocarse"

A resposta dos medios, que lle preguntaron sobre o peso do nacionalismo en En Marea, Rubén Pérez aludiu á Declaración de Mazarelos, que deu pé ao proceso de unión entre Anova, Podemos e EU. Nese documento, salientou, “fica claro que quen queira construír un espazo en que a esquerda se defina como nacionalista ou non nacionalista e iso impida unha unidade popular está a equivocarse”.

Na mesma liña, Yolanda Díaz insistiu en “falar con profundidade do suxeito político cara ao que a esquerda rupturista camiña” e tirou dos exemplos de Compromís, de En Comun Podem e de Unidos Podemos.

A respeito dos resultados do 25 de setembro, EU ofreceu unha “valoración certamente positiva”.

Comentarios