Eva Solla asume a coordinación de Esquerda Unida

Imaxe de @rubenperezEU

A formación celebra a súa XII Asemblea Nacional con presenza de Alberto Garzón, coordinador Federal de Izquierda Unida. Yolanda Díaz deixa de ser coordinadora de EU após 12 anos no cargo.

Eva Solla, secretaria xeral do Partido Comunista de Galiza, deputada de En Marea e vicepresidenta do Parlamento galego; é a nova coordinadora de Esquerda Unida, collendo o relevo de Yolanda Díaz, que ocupou este posto durante 12 anos. O cambio produciuse na XII Asemblea Nacional de EU, que decorreu este sábado 3 de xuño en Compostela e na que tomaron parte 250 delegados e 50 convidados.

 

“Estamos facendo o que temos que facer”, manifestou Yolanda Díaz, indicando que na asemblea de 2010 en Vigo Esquerda Unida fixo unha chamada “á unidade popular, arriscada daquela,  pero sen estes pasos hoxe non sería posible camiñar neste tempo político”. A deputada de En Marea no Congreso tamén se referiu a este partido instrumental, cunha chamada á “pluralidade” e “colectividade”.

 

Alberto Garzón, na súa intervención, parabenizou Esquerda Unida polo traballo destes anos. Defendeu a estratexia da “unidade popular”, á que considera “unha forma de entender o camiño, con xente coa que partillamos diagnóstico e solucións”. O coordinador federal de IU dixo que “o noso obxectivo non é curtopracista nin electoral, é o socialismo”. 

 

Eva Solla, unha vez nomeada coordenadora, chamou a estar presente "na rúa, nos movementos, nos conflitos" para coñecer e dar resposta ás demandas da sociedade. "Ábrese un tempo fundamental e a nova executiva que elixiremos nestas semanas ten retos moi importantes que afrontamos con alegría, con ganas de comezar e con moita forza”

 

Na Asemblea aprobáronse resolucións de solidariedade co pobo saharauí, co goberno de Venezuela e contra a violencia machista.