O ex-xuíz Garzón anuncia tamén a súa decisión de buscar alianzas na esquerda española

Garzón

O grupo Convocatoria Cívica, do que é líder o polémico letrado que pechou o diario 'Egin' ou foi denunciado por torturas, ofrécese para entrar no espazo electoral e "participar na procura dun cambio social fronte aos partidos tradicionais e as súas estruturas obsoletas". Garzón mantén fortes vencellos en Galiza con membros de AGE.

 A asociación Convocatoria Cívica confirmou como presidente ao ex-xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón na súa última asemblea, na que anunciou a súa decisión de "participar activamente no escenario político electoral español á vez que propiciará o debate e o consenso", co obxectivo de reunir nunha soa coligación a todas as plataformas que buscan "un cambio social", o que supón que o letrado que pechou o 'Egin' ou foi denunciado por torturas pola propia Unión Europes pensa dar o salto á area electoral dentro da esquerda española.

Deste xeito, Garzón realizou unha chamada a "outras forzas, plataformas, correntes, grupos, movementos, mareas e partidos para que entre todos podamos ser, non varios máis, senón quen decidan o futuro do noso país". Na súa última Asemblea Xeral celebrada en Madrid, @s soci@s de Convocatoria Cívica (CC) ratificaron como vicepresidente ao exdirector xeral da Unesco Federico Mayor Zaragoza e puxeron as bases para buscar alianzas con "forzas comprometidas por un verdadeiro cambio social e politico fronte ao modelo dos partidos tradicionais e as súas estruturas obsoletas e afastadas dos problemas reais da sociedade, para, desde o diálogo e a colaboración, aglutinar e unir forzas e consensuar propostas e obxectivos, en forma participativa, propoñendo unha gran coalición na que os cidadáns fagan que a súa voz sexa escoitada e contribúan a decidir o seu futuro".

"Queremos unir forzas e consensuar propostas e obxectivos de forma participativa", asegura o grupo de Garzón

O grupo de Garzón anunciou que nas próximas semanas presentará a outras organizacións un documento de 20 puntos, como base do dialogo e acordo con quen se sume á iniciativa, "que se irá completando con novas propostas, locais, autonómicas, nacionais e internacionais", segundo explicaron. Garzón mantén fortes vencellos en Galiza con persoas que participan de AGE, especialmente por parte de Espazo Ecosocialista. Porén, outros sectores da esquerda rupturista e do nacionalismo -mesmo tamén dentro de AGE ou doutras forzas como independentistas ou o BNG- consideran a Garzón un adversario político, tal e como se demostrou durante as protestas contra a súa presenza na universidade de Compostela.