Expulsadas da Cámara por defenderen o dereito das mulleres a decidir

Pilar Rojo expulsa do Parlamento a representantes da Plataforma polo dereito ao aborto sob advertencia de estaren incorrendo "nun delito" ao "alterar a orde" da sesión. As mulleres manifestaban o seu rexeitamento á repenalización do aborto que prevé aprobar o Partido Popular coa reforma da Lei de libre interrupción do embarazo 

 

"Debatemos por terceira vez esta cuestión" afirmou a deputada do Partido Popular, Rodríguez Barreiro ao subir ao plenario para manifestar o rexeitamento do seu grupo á PNL presentada de maneira conxunta polas forzas da oposición. O asunto, a reforma da lei do aborto prevista polo ministro de Xustiza Alberto Ruíz Gallardón. 

Carme Adán: "Se a maternidade non é libre, é imposta"

O PP opúxose --máis unha vez-- a votar en contra da repenalización do aborto argüíndo que "por mandato electoral" están a cumprir co "compromiso político" de reformar unha lei que non conta co apoio da maioría, afirmou a deputada Rodríguez Barreiro. 

Os apelos á liberdade de voto manifestados desde as bancadas da oposición --que demandaron das mulleres populares o seu apoio a un "dereito fundamental-- non serviron para facer mudar de opinión @s parlamentares do PP que aseguraron "descoñecer" o contido da reforma como para se posicionar en contra. 

Eva Solla: "Obrigarnos a parir é violencia machista e institucional"

Na tribuna de convidadas, unha ducia de mulleres --integrantes todas elas da Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto-- apuparon ao grupo maioritario por lles negaren o "dereito a decidir sobre o noso corpo" impóndolles "a obriga de seren nais". 

Así se manifestaron tamén as voceiras de BNG, AGE e PSdeG que defenderon desde os seus escanos unha maternidade libre indisolúbel do dereito a exercela en liberdade.

Carmen Acuña: "A liberdade de ser nai devén da liberdade de non o ser"

"Obrigarnos a parir é violencia machista e institucional" clamou a deputada de AGE, Eva Solla mentres citou algúns dos métodos empregados tradicionalmente para interromper un embarazo de maneira clandestina. Todos eles, levan ás mulleres á morte. "Unha cada oito segundos" en todo o mundo, acrecentou. 

"A bioloxía non é o destino" espetou polo Bloque Nacionalista Galego Carme Adán afirmando que a capacidade das mulleres para se reproduciren non as obriga a facelo, o contrario, asegurou,  é nunha "maternidade imposta". 

"Semella que Gallardón", insistiu a socialista Carmen Acuña, "se cre deus para nos obrigar a parir" pois "só a santa Inquisición" e o ministro, continuou "se atreveron a antepor os designios da Igrexa" aos dereitos fundamentais das mulleres.