Falece após sufrir un infarto a ex alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre
A ex alcaldesa socialista do Porriño, Eva García de la Torre, faleceu nas últimas horas logo de sufrir un infarto, segundo confirmaron fontes próximas á que foi rexedora desta localidade até o finais de 2021.
García de la Torre, de 59 anos de idade e natural de Sevilla, morreu no hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo), onde fora trasladada após sentirse indisposta e onde xa entrara en parada cardiorespiratoria. O persoal sanitario non puido facer nada para salvar a súa vida.
A concelleira do grupo socialista, que tiña dous fillos, ostentou a alcaldía do Porriño desde xuño de 2015 até decembro do ano pasado, cando presentou a súa dimisión para evitar unha moción de censura que lle dese o poder ao PP.
O seu xesto, finalmente, non impediu a investidura do 'popular' Manuel Alejandro Lorenzo, xa que a candidatura da socialista Lourdes Moure non conseguiu os apoios suficientes —polo voto discordante do concelleiro de Unión Democrática da Louriña, Manuel Carreira— para que a esquerda mantivese o goberno do Porriño.
O PSOE de Pontevedra, así como a agrupación socialista do Porriño trasladaron a súa "consternación" polo falecemento da ex rexedora. Así, o secretario provincial do partido, David Regades, recoñeceu que os socialistas están "en estado de shock" polo repentino desta perda.
Pola súa parte, o alcalde vén de convocar un pleno extraordinario para decretar tres días de loito na vila, crespóns negros e bandeiras a media hasta.
Segundo trasladou Alejandro Lorenzo á axencia Europa Press, o Concello ponse a disposición da familia para canto precise, e ofrece as dependencias municipais para a instalación da capela ardente.