SESIóN DE CONTROL AO PRESIDENTE

Feijóo afirma que a economía galega medra máis que a alemá ou francesa

O presidente defende a xestión nesta lexislatura do goberno de Rajoy para con Galiza, “somos españois”, e carga contra o bipartito, o proceso catalán e Zapatero.

“Se algún día Feijóo resposta no Parlamento ao caso do que se lle pregunta haberá que botar foguetes”. A reflexión de corredor dun parlamentar da oposición volveu coller sentido na sesión de control ao presidente desta cuarta feira. Facendo honra a algo que lle reprocha a oposición, Feijóo converteu cada unha das preguntas sobre a súa xestión nunha contra-pregunta ao interpelante e nunha resposta sen nada a ver co que se inquire. Méndez Romeu (PsdeG) preguntou sobre a estratexia económica do goberno e Feijóo respondeu criticando a xestión socialista. Francisco Jorquera (BNG) escoitou como lle acusaban de “estar con Bildu e ERC e non con Galiza” e mesmo foi case que reprendido por non preguntar polos orzamentos de Zapatero. O nacionalista limitárase a preguntar a Feijóo polo balanzo que fai desta lexislatura do goberno de Rajoy para con Galiza. E Yolanda Díaz (AGE) foi acusada de estar interesada na “destrución masiva de todos os servizos públicos” como resposta á súa pregunta sobre a xestión do executivo en Sanidade.

O presidente defendeu na sesión que en Galiza a economía medra máis que en Alemaña, Italia ou Francia, engadindo que “as nosas empresas exportan máis que nunca na historia”. Tamén defendeu a xestión do goberno de Rajoy para con Galiza, agradecéndolle que “crea na igualdade de galegos e cataláns”, e repetindo que nestes anos investiu no noso país 5.000 millóns de euros. “Preferiu obedecer a Rajoy que defender os intereses de Galiza”, reprochoulle Jorquera, citando sectores como o naval, o agro ou a pesca, prexudicados por decisións do Estado. “Temos un autogoberno que non ten Catalunya”, retrucoulle Feijóo, que tamén acusou o BNG de apoiar a Zapatero, outro dos recursos habituais do presidente nas respostas.

Perante as críticas de Yolanda Díaz, “grazas ao PP, en Galiza a sanidade xa non é universal”, o mandatario respondeu que a AGE lle interesaba era a “destrución masiva de todos os servizos públicos”.