PP

Feijóo asume a estratexia de Rajoy e nega a veracidade dos documentos de 2006

Feijóo na conferencia de imprensa

O presidente da Xunta di que “non fala de papeis apócrifos” en relación aos papeis de Bárcenas que apuntan a un posíbel financiamento ilegal do PP galego en 2006, con el á fronte do partido.

Como Rajoy. Igual. Se ao comezo da enorme crise dos papeis de Bárcenas, Alberto Núñez Feijóo quixo destacar pedindo “explicacións e transparencia” en canto eses mesmos documentos lle apuntaron directamente uniuse á estratexia da Moncloa de negar canto en eles aparece a pesar dos moitos indicios existentes sobre a súa autenticidade.

Así, o presidente da Xunta non quere falar das informacións procedentes dos papeis do ex tesoureiro de Xénova que sinalan un presunto financiamento ilegal do PP en Galiza segundo as contas de 2006 -onde aparecerían moitas doazóns opacas de empresas que traballaban coa Xunta- cando el xa lideraba a formación. “Non vou pronunciarme sobre documentos apócrifos, anónimos e sen firma que circulan por determinados lugares”, afirmou o máximo dirixente do PPdeG, rachando así co longo silencio que mantiña sobre o tema.

“Non podemos falar de algo que non coñecemos”, engadiu Feijóo en rolda de prensa para despois apoiar todas as explicacións -insuficientes segundo a oposición- que sobre este turbio asunto ofreceu o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, co que compartirá esta fin de semana apertura do curso político en Soutomaior.